DO 13 DE DECEMBRO AO 17 DE FEBREIRO
Volve o Inverno Ancestral de Senda Nova co Apalpador, xogos tradicionais e as esperadas historias a carón do lume
Martes 13 de decembro do 2016
Magosto de presentación do Inverno Ancestral de Senda Nova
Senda Nova organiza un ano máis, coa colaboración do Concello, o Inverno Ancestral, unha forma de darlle a benvida ao cambio de estación con actividades propias destas datas. O programa deu comezo o domingo 11 de decembro cun magosto popular ao carón das brasas ao cal acudiron medio centenar de persoas para pasar unha boa tarde entre compañeiros e castañas. Esta cuarta edición do Inverno Ancestral mantén o obxetivo de preservar e compartir o noso patrimonio inmaterial máis achegado e desta volta o programa inclúe actividades que van dende unha tarde de xogos tradicionais até visitas do Apalpador ou historias a carón do lume.
Este ano o programa inclúe un encontro cunha parella de Moldavia que compartirán os costumes do seu país durante o inverno
O 18 de decembro a Escola Unitaria de Oza acolle ás 16.30 horas unha tarde de xogos e xoguetes tradicionais para recuperar e dar a coñecer os xogos dos nosos avós e avoas e mostrarllos aos máis pequenos e a todo aquel que se queira chegar. Tamén se fomenta a creación de xoguetes con materiais que todos temos pola casa, e demóstrase neste época tan consumista a importancia que ten o facer algo por nós mesmos. Será o domingo 18 na Escola unitaria de Oza ás 16.30 horas.
O Apalpador nas Escolas
Como en anos anteriores, a figura do Apalpador será protagonista do Nadal galego entre os máis pequenos. Os nenos e nenas das escolas de Carballo e Coristanco traballarán nas aulas a figura de dito personaxe e ademais tendrán a sorte de velo en persoa, pois o apalpador faralles unha visita nas aulas dende o día 14 até o 21 de decembro. Ademais, terá lugar a mostra "O Apalpador imaxinado", unha exposición de traballos sobre o Apalpador con traballos realizados nas aulas polos nenos e nenas das escolas de Carballo e Coristanco o pasado ano. Estarán expostos na Biblioteca Rego da Balsa a partir do martes 13 de decembro.
E no programa non podían faltar as Historias de inverno. Igual que en anos anteriores, son os máis maiores do lugar os encargados de narrar as vivencias e historias da súa parroquia a través de diferentes temáticas introducidas por un presentador. Unhas entretidas e interesantes narracións que se seguen mantendo outro ano máis entre as nosas actividades de inverno. Este ano o programa visita as parroquias de Berdillo e Sísamo (Carballo), Loroño (Zas), Buño (Malpica), Carnés (Vimianzo), Couso (Coristanco) e Vilaño (A Laracha). Tamén haberá unha tarde de historias e contos a través dunha parexa moldava que nos contará como son os invernos e costumes de Moldavia. Todas as citas comezarán ás 19.00 horas e serán todos os mércores dende o 21 de decembro.