ORGANIZADO POR JUDO CLUB BERGANTIÑOS E O CONCELLO
Máis de 100 deportistas participaron no Campionato de Judo do Nadal Carballo 2016 que se disputou o 11 de decembro
Luns 12 de decembro do 2016
Un momento do campionato no Pavillón Vila de Noia
Máis de 104 deportistas divididos en 12 equipos de toda a provincia da Coruña participaron o domingo 11 de decembro no Campionato de Judo do Nadal Carballo 2016 celebrado durante toda a xornada no Pavillón Vila de Noia, e organizado polo Judo Club Bergantiños coa colaboración do Concello de Carballo. Máis de 200 persoas asistiron como público para non perder o espectáculo no que participaron agrupacións de categoría alevín por equipos mixtos. Ademais, durante a cita recolléronse xoguetes novos para Cruz Vermella Carballo e colaborar así coa campaña que a entidade desenvolve este Nadal no municipio para que ningún neno quede sen xoguete estas festas.
Durante a cita recolléronse xoguetes novos para Cruz Vermella Carballo para colaborar coa campaña da entidade para este Nadal
No que se refire aos resultados, no grupo A impúxose o equipo Axiña A, seguido do Ferrolterra Judo Club; e o terceiro posto foi para os clubs Arteixo e Compostela. No grupo B gañou o equipo San Francisco Teo, co segundo posto para o Judo Club Laracha-Karbo; estiveron seguidos polo equipo Xogos da Amizade e o Judo Club Bergantiños. No grupo C no primeiro lugar quedou Fibra, co segundo posto para o Judo Club Cambre e as seguintes posicións ocupadas polo Axiña B e o Camariñas.
Os interesados e interesadas poden consultar todos os resultados nun documento en pdf máis abaixo nesta mesma nova.