OS NENOS E NENAS RECIBIRON UN AGASALLO CONMEMORATIVO
O programa Concilia da Concellaría de Benestar cumpre dez anos felicitando aos seus máis de 150 usuarios e usuarias
Venres 11 de novembro do 2016
Os usuarios e usuarias celebraron unha festa con tortas
O programa Concilia, que axuda a compatibilizar a vida laboral e familiar das nais e pais do alumnado dos centros de ensino do Concello de Carballo, cumpre dez anos. A Concellaría de Igualdade e Benestar puxo en marcha o servizo o 11 de novembro de 2006 coa arela de axudar a todas aquelas familias nas que os dous membros da parella teñen de traballar e experimentan grandes dificultades á hora de conciliar o horario laboral co do ritmo habitual da súa familia. Unha década despois, un total de 150 nenos e nenas son usuarios e usuarias do servizo de forma continuada, aos que hai que sumar a todos aqueles cativos e cativas que empregan o servizo de días soltos.
E tamén recibiron un punto de libro de agasallo
Con motivo do aniversario, todos eles recibiron un pequeno agasallo conmemorativo -un punto de libro- e tamén celebraron unha pequena festa con tortas na que celebraron os dez anos do programa. O servizo funciona de 7.30 a 9.30 horas ao longo de todo o curso, incluídas as vacacións escolares, e inclúe servizo de canguraxe, servizo de almorzo (opcional) e servizo de monitorado con atención ao alumnado no que se realiza un seguimento dos hábitos de hixiene e hai un coidado especial dos nenos e nenas de menor idade ou con dificultades. Ademais, realízanse actividades de ocio cos nenos e nenas durante o tempo de duración do servizo.
Matrícula todo o ano
Hai que lembrar tamén, que a matrícula está aberta durante todo o ano para aquelas familias que queiran aproveitar o servizo en días soltos, e que para as familias que precisan conciliar durante todo o curso, a matrícula adoita abrirse nos meses de verán. Dende o Concello, parabéns a todas as persoas que fan posible o funcionamento do servizo, e tamén a todos os nenos e nenas que participan del cada día.
Toda a información sobre o programa, no CIM (Centro de Información á Muller) de Carballo e tamén descargando a ordenanza reguladora do servizo máis abaixo en pdf. Por outros dez anos máis!