AS INSTALACIÓNS RECIBIRÁN UN LOTE DE LIBROS
A Biblioteca Rego da Balsa: distinguida co premio María Moliner polo seu programa de actividades de animación á lectura
Xoves 10 de novembro do 2016
Unha das presentacións na biblioteca con Manuel Rivas
A Biblioteca Rego da Balsa acaba de ser premiada cunha das distincións do Concurso de proxectos de animación á lectura María Moliner do Ministerio de Cultura para municipios de menos de 50.000 habitantes. Así, ten sido seleccionada polo seu programa de actividades de animación á lectura desenvolvido durante o ano 2015. É unha das 22 bibliotecas de Galicia que conseguiron o galardón e unha das 300 espalladas por toda España.
O certame valora a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca ou os os proxectos que fomenten a convivencia intercultural
O premio valora todas as actividades que teñen lugar nas instalacións, dende obradoiros, contacontos ou concursos ata presentacións literarias. A Biblioteca recibirá un lote de libros, con volumes seleccionados entre as novidades de cada ano e con especial atención aos títulos de carácter infantil e xuvenil. Esta selección de libros pretende ser, así mesmo, unha mostra da produción literaria e da ilustración actual.
Máis de 11.000 proxectos
O obxectivo deste certame é o de fomentar a lectura entre todos os colectivos sociais, nomeadamente entre nenos e nenas e mozos e mozas, que constitúen a base dos futuros lectores adultos. Nas últimas edicións, a resposta dos municipios foi moi positiva, presentándose até a data máis de 11.000 proxectos por uns 2.300 municipios.
O Premio María Moliner valora tamén a eficiencia na administración dos recursos da biblioteca, así como o esforzo realizado en función dos seus recursos dispoñibles, os proxectos de extensión bibliotecaria, a colaboración con centros educativos e outras entidades cos diferentes axentes culturais dos municipios, os proxectos que fomenten a convivencia intercultural e o desenvolvemento tecnolóxico.