A PUNTUACIÓN OBTIDA É A DE 4.75 SOBRE 5
Ron Lalá gaña con "Cervantina" o Premio do Público dun FIOT 2016 no que participaron máis de 10.700 persoas
Mércores 2 de novembro do 2016
Un momento de "Cervantina"
A obra ‘Cervantina’, da compañía Ron Lalá en coprodución coa Compañía Nacional de Teatro Clásico, é a gañadora do Premio do Público do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) 2016 de Carballo, ao obter unha puntuación de 4,75 sobre 5 puntos (un 9,5 sobre 10). As seguintes obras en puntuación foron “Yllana 25” da compañía Yllana e “Solitudes” de Kulunka Teatro. As 11 funcións de sala obtiveron unha puntuación media de 4,1 puntos sobre 5, polo que os espectadores valoraron o conxunto da programación cun notable alto (8,2 sobre 10). Por encima da media destaca a boa acollida das propostas galegas, que recibiron unha valoración de 4,3 puntos.
Entre o 23 de setembro e o 29 de outubro desenvolveuse unha intensa programación cultural cun total de 100 actividades
Entre o 23 de setembro e o 29 de outubro desenvolveuse en Carballo unha intensa programación cultural cun total de 100 actividades, entre as que destacaron 34 espectáculos. Destes, 11 correspondéronse coa programación de sala; 4 do Ciclo OTNI; 2 de teatro de rúa; 17 da Rúa dos Contos e outras 63 actividades complementarias como o “Café con”, o XVI Concurso Escolar de Teatro Lido (que aínda rematará o vindeiro 6 de novembro), o Fiotiño, o programa de Voluntariado, o Xograr de Outono, a exposición, a Escola do Espectador ou “Dálle un bocado ao FIOT”.
A maior participación da historia
En todas as actividades a participación foi moi alta, chegando a 10.726 o número total de asistentes, un 3,5% superior ao da edición pasada e que supón a maior cifra da historia do festival, o que precisamente coincide co seu 25 aniversario. Un total de 6.626 persoas asistiron aos diferentes espectáculos na programación de sala, Ciclo OTNI e Rúa dos Contos. A taxa de ocupación media das funcións de sala foi do 97%. A Carballo tamén acudiron preto de 150 persoas entre artistas e técnicos das compañías, dos que máis de 100 foron intérpretes e 8 directores, que manifestaron o seu agradecemento polo acollemento e trato recibidos.
Tamén hai que subliñar que, en total, houbo 13 estreas, das cales cinco foron absolutas (dúas na programación de sala e tres na Rúa dos Contos) e oito foron estreas en Galicia (sete en sala). Entre as estreas absolutas destaca “O Tolleito de Inishmaan”, da compañía Contraproducións, unha obra na que o FIOT participou como coprodutor. Ademais de Galicia, a procedencia do espectáculos foi moi variada, contando con compañías de seis comunidades autónomas distintas e dun país estranxeiro (Dinamarca).
Consolidación da Rúa dos Contos
A Rúa dos Contos consolidouse un ano máis
A Rúa Dos Contos, que este ano celebrou a súa maioría de idade ao celebrar a súa XVIII edición, consolídase como unha plataforma de presentación de creacións de carácter máis informal e enfocadas a espazos non teatrais, estreando novos espectáculos ou presentando propostas aínda pouco coñecidas en numerosos bares e tascas da vila.
Este ano ampliou a súa dimensión ao contar cunha maior presenza de compañías de fóra de Galicia e tres sesións no Mercado Municipal e con nomes tan coñecidos como Pepo Suevos, Xosé Touriñán, Sara Escudero, Sergio Pazos, Manquiña... Tamén se incorporou un novo colaborador deste ciclo, Estrella Galicia, da que o festival espera que amplíe a súa participación en vindeiras edicións.
Actividades en paralelo
O festival seguiu impulsando o programa de actividades en paralelo, consciente de que supón a súa conexión máis directa cos espectadores e o mellor e máis coherente instrumento de captación, creación e fidelización do público. Deste xeito, destaca a extensión do Fiotiño, coa ampliación da programación infantil e a participación de 65 nenos e nenas. Mención destacada tamén merecen a exposición “Zoom FIOT”, a Escola do Espectador e o “Café con”, así como a actividade “Dálle un bocado ao FIOT”, organizada pola Concellería de Turismo de Carballo.
Para facer posible todos estes logros, o FIOT contou coa implicación dun equipo de máis de 20 voluntarios que colaboraron coa organización e coa atención ao público, así como con diversas entidades que fixeron posible a organización deste festival, como a AGADIC da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello de Carballo, o Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais do Ministerio de Cultura, a Fundación Luís Calvo Sanz, A Libraría Brañas, Radio Voz Bergantiños, Sogama, Estrella Galicia, así como locais de hostalería de Carballo que participaron na Rúa dos Contos ou outros pequenos empresarios que colaboraron con diferentes actividades.