O FILME ESCOLLEUSE ENTRE 2.000 CINTAS DE TODO O MUNDO
A película rodada en Carballo "Sicixia" participa na Sección Oficial do 54º Festival Internacional de Cine de Xixón
Venres 28 de outubro do 2016
Un fotograma da película
A longametraxe Sicixia (Vía Láctea Filmes, TVG), dirixida por Ignacio Vilar, foi seleccionada na Sección Oficial do 54º Internacional de Cine de Xixón, que se celebrará entre o 19 e o 26 de novembro de 2016. O filme, concebido para poñer en valor o inigualable patrimonio material e inmaterial da Costa da Morte e rodada en parte en Carballo, foi seleccionado entre máis de 2.000 títulos de todo o mundo e competirá con 15 cintas na categoría de ficción procedentes de EEUU, Francia, Italia, México, Bulgaria, entre outros. Neste certame internacional Sicixia opta aos seguintes galardóns: Premio Principado de Asturias á Mellor longametraxe; Premio ao Mellor Director; Premio á Mellor Actriz; Premio ao Mellor Actor; Premio ao Mellor Guión; Premio Especial do Xurado.
Trátase dun festival que supera os 75.000 espectadores e que ten premiado na súa historia a directores de renome como Peter Mullan
A organización do festival confirmou que Sicixia será o único filme español a competición na presente edición. Ademais subliñou que Sicixia é o primeiro filme rodado en galego que participa no Festival Internacional de Cine de Xixón nos seus 54 anos de historia. Nas dúas anteriores edicións, o FICX bateu marcas de público, superando os 75.000 espectadores en 2014 e 2015. Ao longo da súa historia, o premio á mellor longametraxe foi concedido a directores de renome coma James Mangold, Peter Mullan, Pawel Pawlikowski, Ulrich Seidl, Lukas Moodysson, Lisandro Alonso o Hong Sang-soo. Esta selección supón un novo éxito na traxectoria de Sicixia, logo do recente Premio á Mellor Actriz outorgado a Marta Lado no XXI Festival Cinespaña de Toulouse (Francia).
Preestrea en París co director e elenco
No marco da campaña de promoción da estrea en cines de Sicixia, o venres 25 de novembro, o vindeiro 7 de novembro celebrarase unha preestrea do filme no Cinéma Majestic-Passy de París (Francia), á que asistirán o director Ignacio Vilar, a actriz Marta Lado e o actor Monti Castiñeiras. O selecto público terá a oportunidade de viaxar a "Galicia a través dos cinco sentidos", xa que logo do pase ofrecerase unha degustación de produtos do mar e viño D.O. Valdeorras na que participarán os cociñeiros Iván Domínguez (Grupo Nove; Alborada), Miguel G. Silvarredonda e Tino Otero (Porto-Muíños).
Ademais do apoio do Concello de Carballo, Sicixia conta coa colaboración de: AGADIC, ICAA, Deputación da Coruña, GALP Costa da Morte, e os Concellos de Fisterra, Camariñas, Carnota, Cerceda, A Laracha, A Estrada, Cabana de Bergantiños, Dumbría, Corcubión e Zas.