UN TOTAL DE 23 PROFESIONAIS OCUPAN 470 METROS CADRADOS
As novas oficinas do Servizo de Emprego no Fórum melloran a calidade da atención e contribúen a facer do edificio un espazo de referencia
Mércores 26 de outubro do 2016
Un momento da visita do Director Xeral de Orientación e Promoción Laboral
Dende o luns 24 de outubro as oficinas do Servizo estatal de Emprego Público e do Servizo de Emprego Público de Galicia ofrecen os seus servizos dende a planta baixa do Fórum Carballo. O Director Xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes González, acaba de visitar as novas instalacións acompañado do Alcalde, Evencio Ferrero, e do Director do Centro de Formación Municipal, Juan Lorenzo, para supervisar as recen estreadas oficinas. Marnotes subliña que, con este traslado, o servizo experimentará unha "mellora na atención" para as 173.000 persoas dos concellos da comarca de Bergantiños e do Concello de Zas que recorren aos servizos da Consellería de Emprego.
O Fórum converteuse nun edificio pensado para que a veciñanza reciba servizos de alta calidade e nun eixo de dinamización para A Milagrosa
Un total de 23 empregados e empregadas, entre os do SEPE (Servicio Público de Empleo Estatal) e os do Servizo de Emprego da Xunta, ocupan un total de 470 metros cadrados útiles no Fórum, aos que hai que sumar tamén o espazo do vestíbulo e dos corredores para chegar aos 600 metros, o que supón, segundo Marnotes, "unha mellora para as persoas que acoden ao servizo, pero tamén para as persoas que traballan nel". Ademais, está previsto mellorar no futuro o equipamento tenolóxico, así como reforzar a atención mediante novos obradoiros e cursos de formación.
Un edificio de referencia
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, explicou a súa satisfacción por que "o Fórum sexa un espazo de referencia", que aglutina na actualidade, non só as oficinas do Centro de Formación Municipal, as de Promoción Económica e Turismo e o servizo de emprego do Concello reflectido na BDT (Bolsa de Traballo Municipal); senón tamén os servizos da Xunta no Concello relativos a Medio Rural, Emprego e, no futuro, tamén de Sanidade animal e Seguridade alimentaria.
Segundo Ferrero, o obxectivo é "xerar sinerxías entre administracións para que o veciño reciba servizos de alta calidade". Insistiu en que "o Concello sempre manifestou a súa vontade de que os servizos que se ofrecen en Carballo se fagan nas mellores condicións posibles" e considera que, neste caso, "ese obxectivo está logrado". Tamén considera que estes servizos contribúen "á dinamización do barrio" e respecto das oficinas que acaban de instalarse no Fórum, desexou "que cumpran o seu obxectivo, que é o de xerar emprego".