O TRASLADO EFECTUOUSE O 22 E 23 DE OUTUBRO
As Oficinas do Servizo de Emprego xa están abertas no Fórum Carballo e atendendo con normalidade a todos os veciños e veciñas
Luns 24 de outubro do 2016
As oficinas están situadas na planta baixa, moi preto da entrada principal do edificio
As oficinas do Servizo estatal de Emprego Público e do Servizo de Emprego Público de Galicia xa están atendendo con normalidade e dende o luns 24 de outubro a todos os veciños e veciñas dende a planta baixa da Nave 2 do Fórum Carballo. Os operarios realizaron o traslado o sábado 22 e o domingo 23 de outubro dende a Praza da Cruz Vermella. O mobiliario e o equipamento necesario xa estaban colocados no Fórum dende días atrás, mais durante a fin de semana realizouse o traslado dos equipos informáticos, arquivos, documentación e calquera outro elemento pendente.
A mudanza implica para a Consellería de Traballo da Xunta un notable aforro, xa que nas novas instalacións non terá que pagar aluguer
Hai que lembrar que a Xunta e o Concello xa asinaran en novembro de 2013 o convenio para a cesión e utilización de espazos administrativos no complexo Fórum Carballo, un acordo que agora culmina co traslado das oficinas. A mudanza das oficinas de emprego suporá para a Xunta o aforro do aluguer, xa que a cesión do espazo no Fórum só implica achegar os gastos de mantemento, así como de teléfono, electricidade e saneamentos.
Centralización de servizos no Fórum
Xa están no primeiro andar da nave 2 do Fórum as oficinas da Consellería de Medio Rural, incluída a Oficina Agraria Comarcal. Ademais, está previsto que en breve os departamentos de Sanidade Animal e Seguridade Alimentaria dependentes da Consellería de Sanidade que até o de agora estaban ocupando un edificio de titularidade municipal situado na entrada do Parque Empresarial de Bértoa se trasladen ao 1º andar da nave 1 do Fórum Carballo.
Ademais, no segundo andar da nave 2 están situadas as oficinas do Centro de Formación Municipal, da Oficina de Promoción Económica e Turismo e da Bolsa de Traballo Municipal. O obxectivo é centralizar todos os servizos que xiran arredor do emprego no Fórum Carballo, así como moitos dos departamentos dependentes da Xunta de Galicia.