FOI ESCOLLIDA ENTRE 128 OBRAS DE FICCIÓN ESPAÑOLAS
A longametraxe "Sicixia", rodada en parte en Carballo, seleccionada na Sección Oficial do XXI Festival Cinespaña de Toulouse
Martes 13 de setembro do 2016
Rodaxe de "Sicixia" na costa carballesa
A longametraxe Sicixia (Vía Láctea Filmes), dirixida por Ignacio Vilar, (A Esmorga) e rodada en parte en Carballo, vén de ser seleccionada na Sección Oficial do XXI Festival Cinespaña de Toulouse (Francia). O filme, concebido para poñer en valor o inigualable patrimonio material e inmaterial da Costa da Morte así coma o Rapa das Bestas de Sabucedo, foi seleccionada entre 128 longametraxes de ficción españolas e competirá con 6 longametraxes na categoría de ficción ante un xurado formado por recoñecidos profesionais do cinema francés.
O filme opta a gañar o Premio á Mellor Longametraxe, así coma Mellor Director, Mellor Guión ou o Premio do Público, entre outros
O filme opta á Violette d'or, Premio á Mellor Longametraxe, así coma aos Premios a Mellor director, Mellor actor/actriz protagonista, Mellor guión, Mellor fotografía, Mellor banda sonora e o Premio do Público. A participación dun filme cen por cen galego neste prestixioso certame supón de antemán un notable recoñecemento ao noso cinema e contribuirá á difusión da nosa lingua e da nosa cultura a través de dúas proxeccións durante o Festival: unha o luns 3 de outubro ás 18.00 h.; e outra o xoves 6 de outubro ás 19.15 h. nunha presentación do filme e coloquio co director, Ignacio Vilar, e o actor protagonista, Monti Castiñeiras.
Estrea en salas o 25 de novembro
Cómpre subliñar que Vía Láctea Filmes participa por segundo ano consecutivo no Festival Cinespaña (algo moi pouco habitual segundo indicaron os organizadores do certame). A Esmorga (Vía Láctea Filmes, TVG, Ed. Galaxia) foi o filme máis laureado na pasada edición (Mellor director, Ignacio Vilar; Mellor actor protagonista ex aequo Karra Elejalde, Miguel de Lira e A. Durán "Morris" e Mellor Fotografía, Diego Romero Suárez-Llanos).
No caso de Sicixia, a estrea en salas será o 25 de novembro de 2016. A película conta a historia de Xiao (Monti Castiñeiras) un enxeñeiro de son. Un novo encargo lévao á Costa da Morte para gravar os sons máis característicos da contorna. Alí coñece a Olalla (Marta Lado), unha guía local que recolle algas no Océano Atlántico. A partir de aí, as súas vidas fuxirán ao seu control coma mareas rexidas por unha lei superior.