CINCO PERSOAS DESPRAZARANSE DO 15 AO 22 DE AGOSTO
Carballo viaxa a Eslovaquia a través da participación de Senda Nova nun proxecto europeo sobre cociña saudable
Martes 9 de agosto do 2016
Voluntarios e voluntarias de Senda Nova que viaxarán a Eslovaquia
Carballo viaxa a Eslovaquia grazas á Asociación Ambiental Senda Nova, que participará entre o 15 e o 22 de agosto no proxecto europeo Pasta la Vista, na rexión de Gerlachov. A iniciativa está impulsada pola entidade eslovaca Regionálne centrum mládeže, con estreitos lazos coa carballesa Senda Nova dende o desenvolvemento do proxecto XEM celebrado e impulsado no Concello no ano 2014. Cinco voluntarios e voluntarias compartirán actividades con entidades de Eslovaquia, Grecia, Lituania, Rumanía, Georgia e Italia dentro dun proxecto para mozos e mozas, no que poderán aprender a cociñar e a mellorar os hábitos de comida, así como a desenvolver a interculturalidade a través da cociña de cada país.
Compartirán actividades con entidades de países como Eslovaquia, Grecia, Lituania, Rumanía, Georgia e Italia
A práctica en obradoiros e a convivencia entre mozos e mozas son algunhas das claves do proxecto. Dos máis de 20 interesados e interesadas en participar na iniciativa, finalmente viaxarán cinco persoas comprometidas coa dinamización social, ambiental e cultural das comarcas de Bergantiños e Soneira. Senda Nova quere agradecer a todos e todas cantos mostraron interese no proxecto, agardando que nun futuro, tamén podan compartirse outras experiencias con eles.
Cinco voluntarios e voluntarias
As mozas e mozos que participarán dende Galicia con Senda Nova son:
- Roberto Iglesias: estudante de oceanografía na Universidade de Vigo e membro activo de entidades dedicadas ao coidado de acuarios para manter e preservar especies autóctonas de Galicia.
- Lorena Cancela: voluntaria en activo de Cruz Vermella Carballo, realizando tarefas de captación de financiación, organización de alimentos e no proxecto Avoas e avós educadores.
- Laura Torres: membro activo e da parte organizativa da Asociación Cultural e Xuvenil Arume de Verdillo, que intenta manter e preservar a cultura e o floclore galego. Forma tamén parte da directiva desta entidade.
- Ainoa Antelo: membro da directiva da Asociación Cultural Castro-Meda de Zas. Membro da parte organizativa de diversas actividades como a Festa da Carballeira ou o San Xoán en Zas; tamén realiza diversas actividades de mantemento e preservación da cultura e o folclore galegos.
- Ángela Cambón: voluntaria en diversas entidades, entre elas Senda Nova, formando parte da súa directiva e do núcleo organizativo. Responsable da organización do intercambio e monitora do grupo de participantes que viaxan con Senda Nova.