AÍNDA PODEDES ANOTARNOS NO DE INSTALACIÓNS ELÉCTRICAS
Sesenta persoas desempregadas formaranse nos cursos AFD que se imparten no Fórum Carballo
Luns 8 de agosto do 2016
Curso de administración de servizos de Internet
O Fórum Carballo acollerá este ano un total de catro accións formativas para desempregados (AFD). Sesenta persoas (15 por curso) poderán prepararse para ocupar postos de traballo relacionados coa electricidade, a soldadura e a informática. Todos estes cursos, financiados pola Consellería de Traballo e Benestar, están homologados e inclúen certificados de profesionalidade. A maioría deles xa están en marcha, aínda que até o 1 de setembro non comeza o Curso de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión, de 840 horas e certificado de profesionalidade de nivel 2.
Este ano unha das novidades é o Curso de administración de servizos de Internet, que arrincou a primeiros de agosto
As persoas desempregadas interesadas en participar aínda están a tempo de anotarse na Oficina de Emprego. Hai 15 prazas e, como no resto das accións AFD, os alumnos e alumnas realizarán prácticas non laborais. O curso de instalacións eléctricas capacitará aos asistentes para traballar como instaladores electricistas en xeral e tamén de edificios e vivendas.
Xa en marcha tres accións formativas
Nas últimas semanas puxéronse en marcha o Curso de soldadura con electrodo revestido e TIG, de 640 horas de duración, e o de Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios, de 300 horas. O alumnado que supere o período formativo acadará o certificado de profesionalidade de nivel 1. No primeiro caso os participantes estarán capacitados para traballar como soldadores por arco eléctrico, por resistencia eléctrica, de estruturas metálicas pesadas e de tubería e recipientes de alta presión, así coma de oxicortadores, cortadores de metais de plasma a man ou operadores de proxección térmica. No segundo, a formación capacítaos como axudantes de instaladores, operarios de instalacións eléctricas de baixa tensión ou peóns da industria da produción e a distribución de enerxía.
Este ano unha das novidades é o Curso de administración de servizos de Internet, que arrincou a primeiros de agosto e que leva aparellado un certificado de profesionalidade de nivel 3. Trátase dunha acción formativa de 510 horas que permitirá aos alumnos/as traballar como administradores de servizos de internet e/ou de mensaxería electrónica, administradores de entornos web ou técnicos de sistemas de Internet.
As persoas que precisen información complementaria poden dirixirse ao Fórum Carballo (Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n, 15100, Carballo), ou no teléfono 981 709 011 en horario de oficina.