AS OBRAS MELLORARÁN O FIRME, AS BEIRARRÚAS E SERVIZOS
A Deputación licita as obras de mellora da travesía de Sísamo da capital municipal por un importe que supera os 400.000 euros
Xoves 21 de xullo do 2016
Travesía de Sísamo
O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar hoxe o anuncio da licitación da Fase 1 das obras de mellora travesía de Sísamo (estrada provincial DP-1901), no treito que transcorre entre o quilómetro 0,000 e 0 0,310. O proxecto está incluído nas actuacións da quinta fase do Plan de Travesías 2015 e o prezo base de licitación é de 418.420 euros (IVE incluído), cun prazo de execución previsto de seis meses. As empresas poderán presentar as súas ofertas nun prazo de 26 días naturais, contados dende o seguinte ao da publicación do anuncio no BOP, no horario de atención ao público do Rexistro Xeral da Deputación.
As obras suporán o soterramento dos servizos, incluídos os saneamentos, a liña eléctrica, a rede de gas e a rede de telecomunicacións
Os traballos inclúen a mellora do firme da vía, coa creación dunha calzada de plataforma única (coas beirarrúas á mesma altura que o firme para os vehículos) e a reposición e soterramento de todos os servizos, incluídos os saneamentos, a infraestrutura de enerxía eléctrica (media e baixa tensión), o alumeado público, a rede de telecomunicacións (telefonía e cable) e a rede de gas. A actuación tamén inclúe a dotación de mobiliario urbano.