OS MURAIS DE ARTE URBANA, O NOSO LITORAL OU O MUSEO DE BERGANTIÑOS
A Concellaría de Turismo organiza este verán visitas guiadas gratuítas para grupos polos principais puntos de interese de Carballo
Mércores 13 de xullo do 2016
Praia de Razo
A Concellaría de Turismo que dirixe Xosé Regueira informa de que este verán pon a disposición de todos os visitantes que se acheguen a Carballo, pero tamén de todos os veciños e veciñas que se animen, visitas guiadas gratuítas polos principais puntos de interese do municipio, nomeadamente os murais do Rexenera Fest e de Derrubando muros con pintura, a costa de Razo e Baldaio e tamén polo Museo de Bergantiños.
Para poder realizar a visita, hai que reunir a un grupo de cinco ou máis persoas e chamar ao 981 702 077 onde pode obterse toda a información para poder realizar os percorridos. Tamén podedes informarvos no enderezo electrónico <museo@carballo.gal>.
Percorridos no casco urbano e no litoral
Mural de Natalia Rak para o Rexenera Fest
As persoas interesadas teñen varias opcións para realizar os percorridos gratuítos. En primeiro lugar polos murais de Derrubando muros con pintura e do Rexenera Fest, repartidos por distintos puntos da capital municipal e incluíndo as incorporacións do Rexenera deste ano no Fórum, no Pazo da Cultura, na rúa Barcelona, na rúa Perú e na Vila de Negreira.
Tamén pode realizarse unha ruta pola costa de Baldaio e Razo, para coñecer mellor as calas, as furnas e as praias, especialmente a de Razo, As Saíñas e Pedra do Sal, pero tamén outras máis agochadas como Leira ou Arnela. Por último, podedes optar a realizar un percorrido polo Museo de Bergantiños para coñecer mellor a historia de Carballo, o seu patrimonio e mesmo os seus costumes.
Horario de Verán
Lembramos, ademais, o horario de verán do Museo de Bergantiños e Oficina de Información Turística, que se amplía para atender mellor aos visitantes e onde tamén podedes obter toda a info:
- MAÑÁS: de martes a domingo de 10.00 a 14.00 horas.
- TARDES: de martes a venres de 17.30 a 20.30 horas.
- LUNS PECHADO