O MÉRCORES 6 E O XOVES 7 DE XULLO NO FÓRUM
O Reitor da UDC e o Alcalde asinan o convenio que permitirá que Traballando en lingua reflexione sobre o papel do galego no ámbito empresarial
Xoves 30 de xuño do 2016
Un momento da presentación do curso na Casa do Concello coa presenza do Reitor
Un ano máis, e xa van nove, o Curso de Verán Traballando en Lingua visita Carballo grazas á colaboración entre o Concello e a Universidade da Coruña (UDC). O Reitor da UDC, Julio Abalde, e o Alcalde carballés, Evencio Ferrero, veñen de asinar o acordo que permitirá que as instalacións do Fórum acollan esta cita que cumpre doce anos reflexionando sobre a dinamización do galego e que este ano traballará arredor de algo moi importante para o presente e o futuro da lingua: o uso e o prestixio do galego no ámbito socioeconómico. Tanto o Alcalde como a Concelleira de Normalización Lingüística, Inés Rodríguez, manifestaron a súa satisfacción porque Carballo volva a acoller esta acción formativa, que en anos anteriores serviu para crear "un programa tan precioso como Apego", subliña Ferrero, e que de seguro volverá a ser "un espazo para participar, reflexionar e debater".
O reitor visitou por primeira vez Carballo dende o seu nomeamento e asinou no Libro de Honra do Concello
Julio Abalde visitou por primeira vez Carballo dende o seu nomeamento como Reitor da UDC, e expresou o seu interese en que continúe a relación entre a Universidade e o Concello, especialmente cun curso como Traballando en lingua, que xa é "unha tradición". Respecto da temática deste ano, Abalde considera que é moir importante falar de lingua "nun sector coma o empresarial, no que pode parecer que a lingua non é tan importante", pero que non é así, xa que "nós cremos que a lingua ten que estar en todos os ámbitos da sociedade". Antes de marchar, Abalde asinou no Libro de Honra do Concello, co compromiso de volver os días 6 e 7 de xullo para a celebración do curso.
As claves do programa
Nel Vidal, coordinador de esta edición de Traballando en Lingua, foi o encargado de resumir un pouco o interesante programa, que xira arredor de dous eixos fundamentais. Por un lado, a análise da situación actual da lingua no ámbito empresarial; e por outro a busca de puntos e accións para mellorar esa situación a través de faladoiros, mesas redondas, debates, experiencias, etc.
As inscricións aínda poden formalizarse até o luns 4 de xullo a través da páxina web www.traballandoenlingua.gal
Será unha acción formativa na que haberá representación dos empresarios, con R, Deleite ou Todo Lar, entre outros, que contarán a forma en que abordaron a presenza do galego como unha oportunidade para mellorar os seus negocios; falarase do galego na publicidade, de como a cidadanía pode percibir que os produtos son máis próximos e teñen máis calidade se se anuncian en galego: construirase a paisaxe lingüística comercial de Carballo facendo un percorrido pola feira; falarase do galeo no sector turístico, no tecnolóxico ou na responsabilidade social corporativa; e pecharase cunhas conclusións elabroadas polo comunicador Ramón Vilar Landeira.
Se queredes participar de todo isto, só tendes que inscribirvos até o luns 4 de xullo a través de <www.traballandoenlingua.gal>. Os prezos de participación neste curso son de 30 € para estudantado, persoas desempregadas, membros da UDC e socios/as da CTNL, e de 50 € para o resto, e este prezo, ademais do curso, inclúe os xantares e os cafés dos dous días. Ademais, hai unha oferta de hospedaxe en Carballo para participantes no curso que vai desde os 22 € / día con almorzo incluído. Polo tanto, unha persoa de fóra de Carballo pode participar quedando a durmir na vila desde os 52 € durante todo o curso, e con cuarto, almorzo, xantar e todas as actividades formativas incluídas.
O máximo de participantes está estipulado en 60 persoas. Non quededes sen praza!