UN TOTAL DE 200 PERSOAS ESTÁN FORMANDOSE COS PRL NO FÓRUM
Avanzan os cursos de Prevención de Riscos Laborais do Fórum co desenvolvemento das prácticas de aparatos elevadores
Mércores 8 de xuño do 2016
Un momento do desenvolvemento das prácticas
O alumnado do curso de prevención de riscos laborais (PRL) específico para a utilización de aparatos elevadores realizou as súas prácticas no Fórum Carballo con dúas maquinas de brazo articulado diésel e tesoira de 12 metros de altura. A formación específica para estes traballadores desenvolveuse entre o luns 6 e o martes 7 de xuño, e incluíu tamén unha parte teórica. A de aparatos elevadores é unha das cinco especialidades de PRL que ofrece a Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo aos seus usuarios e usuarias. En total están a formarse nas instalacións do Fórum preto de 200 persoas desempregadas, que deste xeito poderán mellorar a súa formación e, en consecuencia, a súas oportunidades de inserción laboral.
Albanelería e encofrados
O obxectivo destas accións formativas é o de mellorar a empregabilidade das persoas usuarias da Bolsa de Traballo
Entre o mes de maio e o actual están a levarse a cabo un total de oito cursos de cinco especialidades diferentes do sector da construción: nivel básico de prevención de riscos laborais na construción, e catro específicos para os sectores de electricidade, aparatos elevadores, albanelería e encofrados. O día 8 de xuño, de 08.30 a 14.30 impártese o curso específico de albanelería, e o día 9, no mesmo horario, o de encofrados. Ámbolos dous teñen seis horas de duración.
A Concellería de Promoción Económica do Concello de Carballo aposta por este tipo de accións formativas, que contribúen a mellorar a empregabilidade das persoas usuarias da Bolsa de Traballo e, sobre todo, prepáranas para afrontar o traballo coas máximas garantías de seguridade e a minimizar, en consecuencia, os riscos laborais en sectores como son os relacionados coa construción.