ENTRE O 11 E O 26 DE XUÑO NA PRAZA DO CONCELLO
As mellores orquestras en Carballo no mes do San Xoán: La Fórmula, El Combo Dominicano, Israel, Los Trovadores e Trébol
Martes 31 de maio do 2016
A orquestra La Fórmula durante unha actuación
Chega o mes do San Xoán, o mes da música. Rock, pop, música disco, música galega, bandas, corais, ritmos latinos... e as mellores orquestras do momento encherán de animación a vila durante todo o mes de xuño. A colaboración entre o Concello e un grupo de empresarios dos sectores da hostalería e a distribución farán posible a presenza de El Combo Dominicano, unha das orquestras con máis seguidores do momento, xa na noite do día 11. Será un sábado diferente, cos sons latinos tan característicos do Combo enchendo a Praza do Concello e anticipando as festas patronais.
A estupenda iluminación e a boa música de La Fórmula está enganchando por igual ao público tradicional e á mocidade
Despois do forte aperitivo, o domingo 26 de xuño é a quenda de La Fórmula, unha agrupación que está arrasando. A mestura dunha iluminación impresionante, un son magnífico, boa música e un repertorio amplo e variado son as claves do éxito da orquestra do momento, que está a conquistar tanto ao público máis adulto e tradicional como á mocidade grazas a unha posta en escena moderna, atrevida e de máxima calidade musical e artística.
Entre os compoñentes está a ex voz de Panorama
Orquestra Trébol
Detrás de La Fórmula, de feito, hai artistas cunha traxectoria contrastada. Entre eles Jorge Ferre, un auténtico showman que foi a voz de Panorama durante 14 anos, que está recoñecido como o artista máis completo e brillante do “mundillo” e que xa é a estrela de La Fórmula. O seu compañeiro vocalista Miguel Caldas atesoura tamén un currículo excepcional que inclúe orquestras como a París de Noia ou a Filadelfia. Nesta última e no Combo estivo tamén Deivy Melaza, terceira voz masculina de La Fórmula.
A cuarta é a de Jonathan Perdomo, outro artista que deixou pegada en varias orquestras de primeira liña e que se sumou tamén a este novo e ambicioso proxecto musical. As voces femininas son as de Yenina Alonso, que formou parte de conxuntos como Filadelfia e Jerusalem, e Diana Gago. Fran Moreiras, teclista e director musical; Suso Peón, guitarra; Iván Pla, batería; Yanko Tortolo, percusionista; Ely Zapata, baixo; Miguel Baeza, saxo e arreglista; J. Padilla, trompeta; Gregorio “El Poyo”, trompeta, e Eduardo Kindelam, saxo, completan o extenso equipo artístico de La Fórmula.
Dende Carballo chega a Orquestra Trébol
Con 14 músicos, a orquestra compostelá Israel chegará a Carballo disposta a facer honra ao seu “apelido”, espectáculo. Cun primeiro pase dirixido aos amantes do baile, con rumbas, cumbias e merengues, principalmente, e unha segunda parte máis movida e moderna, o éxito está asegurado. Israel destaca polas súas interpretacións de rock, house e tecno, que conquistarán ao público máis novo.
Los Trovadores, con máis de 80 anos de historia, tamén ofrecerán o seu repertorio para todos os públicos no San Xoán
Catorce son tamén os membros de Los Trovadores, unha orquestra con máis de 80 anos de historia que sigue enchendo os seus concertos con música para todos os públicos. E en Carballo non podía faltar a achega local. Aínda que naceu en Ferrol hai 67 anos, a orquestra Trébol hoxe pódese considerar carballesa. De Carballo son o seu director, Javier Bardanca, e unha das vocalistas, María Jesús, que ademais é a muller de Javier. A calidade e a elegancia son os sinais de identidade da súa música.
Calendario de verbenas
- Sábado, 11 de xuño / 23.30 horas / Praza do Concello
El Combo Dominicano - Xoves, 23 de xuño / 23.00 horas / Praza do Concello
Trébol - Venres, 24 de xuño / 00.30 horas (despois do concerto de Carlos Baute) / Praza do Concello
Los Trovadores - Sábado, 25 de xuño / 23.00 e 02.00 horas / Praza do Concello
Israel - Domingo, 26 de xuño / 23.00 horas / Praza do Concello
La Fórmula