A MOSTRA PODE VISITARSE ATÉ O 5 DE XUÑO NO 3º ANDAR
A exposición “O traxe do país. Poñendo en valor o noso traxe tradicional” agocha xoias do noso patrimonio etnográfico no Pazo da Cultura
Venres 13 de maio do 2016
Un momento da inauguración da mostra, situada no 3º andar do Pazo da Cultura
O 3º andar do Pazo da Cultura acolle até o domingo 5 de xuño verdadeiras xoias do traxe tradicional galego nunha mostra monográfica. De Malpica ou Coristanco, ata Vilalba, Melide ou Muros: un total de 20 pezas antigas ou reproduccións fidedignas conforman a exposición “O traxe do país. Poñendo en valor o noso traxe tradicional”. As roupas forman parte da colección privada de Alberto Golpe Beceiro con algunhas pezas da colección de Antón Méndez Gándar, incluíndo complementos do vestir e ourivería. Organizada pola Asociación Cultural Argazo coa colaboración do Concello, a exposición pretende introducir ao público nunha primeira aproximación ao redescubrimento do traxe tradicional galego baseada no estudio de pezas antigas.
A mostra, centrada nos séculos XVIII e XIX, inclúe moitas pezas orixinais e tamén moitas reproducións feitas a través de cadros da época
Así o explicaba o propio ferrolán Alberto Golpe durante o acto de inauguración, no que estivo acompañado por Ana Nogareda, da Asociación Cultural Argazo, ademais de polo Alcalde, Evencio Ferrero, e polo Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo. Golpe é un auténtico experto do traxe tradicional, dedicado a construír unha colección con moitas dificultades, con pezas conseguidas de casualidade no rastro de Madrid; con outras rescatadas dalgunhas casas nas que os donos ían desfacelas ou tiralas; e con outras moitas reproducidas a través de cadros de autores como Fernando Álvarez de Sotomayor. Golpe defende a importancia de rescatar estas pezas e de dar a coñecer a enorme riqueza de formas, cores e panos do traxe galego, unificado hoxe en día en parte pola aparición de novos tecidos de confección industrial. De feito, Golpe precisa que o "traxe antigo" é aquel anterior ao 1900. A mostra céntrase naquelas roupas dos séculos XVIII e XIX.
Un percorrido por toda Galicia
A mostra pode visitarse até o 5 de xuño
A colección permite facer un percorrido por Galicia a través da indumentaria tradicional, observando tecidos que na actualidade xa non se fabrican, pezas de ourivería que poñen de manifesto o bo facer dos ourives galegos, mantóns e panos de cabeza que xa non se atopan, etc. A exposición pon en valor a nosa indumentaria, tratando o traxe tradicional como obxecto histórico que debe ser estudado e preservado como parte fundamental da nosa cultura. De feito, o propio Golpe realizou un labor de investigación que se plasma nun breve vídeo de cinco minutos que se pode ver na propia mostra, e no que se amosan algúns dos segredos que non desvelan os manequíns, como os refaixos ou as enaguas. As mulleres podían chegar a levar ata sete saias, tratando de manter unha estética na que querían semellar moi delgadas de cintura para arriba e deixar todo o volume para a parte de abaixo. Ademais, o mesmo Golpe comentaba que, naquela época, as mulleres querían ter sempre a pel branca, por iso os traxes levan pezas que cubren o corpo por completo, mesmo no verán.
Enmarcada na programación das Letras Galegas 2016, a exposición pode visitarse até o 5 de xuño de luns a domingo de 17.30 a 20.30 horas no 3º andar do Pazo da Cultura.