O ORZAMENTO GLOBAL DO ACORDO SUPERA OS 21.000 EUROS
Un total de 32 agrupacións musicais asinan o Convenio de actuacións do Concello de Carballo para o ano 2016
Mércores 11 de maio do 2016
Un momento do acto de sinatura do convenio no Pazo da Cultura
O Convenio de Actuacións Musicais do Concello de Carballo para o ano 2016 contará este exercicio coa colaboración de 32 agrupacións musicais do termo municipal das cales 14 pertencen a asociacións culturais, xuvenís ou de veciños. O acto de sinatura contou coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, do Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, e dos distintos representantes das agrupacións musicais do municipio que se incribiron previamente nel. O Convenio ten por obxecto contribuír á promoción da música e do folclore que se desenvolve no noso Concello, difundir o labor que as agrupacións musicais de persoas afeccionadas realizan, así como colaborar coas diferentes entidades que ao longo do ano organizan diversos actos culturais en Carballo.
Con esta finalidade o Concello de Carballo establece este convenio específico de actuacións cos grupos musicais do municipio para que lles oferten as súas actuacións ás asociacións culturais, asociacións de veciños/as, comisións de festas ou outras entidades de carácter cultural ou social sen ánimo de lucro. As actuacións deben realizarse no termo municipal de Carballo e deberán ser públicas e gratuítas, e non poderán ser utilizadas en actos políticos, privados.
A maioría dos grupos son de música ou baile tradicional
Poderán solicitar actuacións das agrupacións asinantes deste Convenio as asociacións, comisións de festas ou outras entidades culturais e sociais sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio social en Carballo e que organicen e realicen actividades culturais que inclúan actuacións musicais. As entidades participantes clasificanse nas seguintes categorías:
- Grupos de música e danza tradicional (mínimo 12 compoñentes) - [7 grupos]
- Grupos de gaitas (mínimo 4 compoñentes) – [7 grupos]
- Grupos de cantareiras/os (mínimo 4 compoñentes) – [5 grupos]
- Masas corais (10-29 compoñentes) – [3 agrupacións]
- Masas corais (a partir de 30 compoñentes) – [4 agrupacións]
- Orquestras, conxuntos e bandas de música (mínimo 4 compoñentes) – [6 grupos]
O presuposto que se investirá neste Convenio Musical para o ano 2016 É de 21.850 euros, que se repartirán da seguinte maneira entre as distintas agrupacións por cada dúas actuacións realizadas:
- Grupos de música e danza tradicional (mínimo de 12 compoñentes), 350€
- Grupos de gaitas (mínimo de 4 compoñentes), 260€
- Grupos de cantareiras (mínimo de 4 compoñentes), 260€
- Masas corais (entre 10 e 29 compoñentes), 260€
- Masas corais(a partir de 30 compoñentes), 425€
- Orquestras, conxuntos e bandas de música (mínimo de 4 compoñentes), 350€