O MOTIVO É QUE COINCIDE COAS ELECCIÓNS XERAIS
A Festa do Bosque do San Xoán 2016 será este ano o primeiro domingo de xullo e os fogos serán o día 26
Mércores 11 de maio do 2016
Un momento da Festa do Bosque 2015
A Festa do Bosque das Festas de San Xoán celebrarase este ano o 3 de xullo, segundo acordou a Comisión de Festas nunha xuntanza celebrada o martes 11 de maio. Con esta decisión, que se viña barallando a raíz da convocatoria de Eleccións Xerais para o día 26 de xuño e que se adoptou tras escoitar a diferentes sectores sociais, a Asociación Cultural San Xoán pretende, por unha banda, facilitar que todo o mundo poida gozar dun dos días grandes das celebracións patronais de Carballo e, por outra, racionalizar o traballo do persoal municipal -tanto administrativo como de obras- e dos efectivos de seguridade e emerxencias.
Ademais de polas votacións, outro dos motivos que pesou na decisión foi a posibilidade de que membros da organización teñan que estar nas mesas electorais
Tanto a Asociación Cultural San Xoán como a Concellaría de Festas de Carballo entenden que o traballo engadido que suporía a Festa do Bosque significaría un sobreesforzo excesivo, ademais de que a posibilidade de formar parte das mesas electorais ou do amplísimo equipo humano involucrado nuns comicios privaría a moitos carballeses e carballesas da posibilidade de gozar dun dos actos máis familiares e arraigados do noso San Xoán.
O domingo 26 haberá verbena e fogos artificiais
O caso de Carballo non é único. Tamén barallan cambios de data noutras localidades que celebran as súas festas a finais de xuño. A convocatoria das Eleccións Xerais, de feito, está a provocar suspensións e aprazamentos en todo o territorio estatal. Así, por exemplo, os Campionatos de España de Ciclismo, previstos para o 26 de xuño en Alicante, adiantaranse para evitar a coincidencia cos comicios.
O aprazamento da Festa do Bosque non significará, no entanto, que non haxa actividades o domingo 26. Todo o contrario. A animación propia do San Xoán manterase durante toda a xornada, que ademais coincide coa feira, e intensificarase pola noite, tras o peche dos colexios electorais, coa verbena e a sesión de fogos artificiais.