A IMAXE FARASE PÚBLICA COA PRESENTACIÓN DO PROGRAMA
Xa temos cartel para anunciar as Festas de San Xoán 2016: un deseñador gráfico de Castellón gañou o premio do concurso
Mércores 4 de maio do 2016
O xurado, o martes 3 de maio durante a elección do cartel gañador
O cartel anunciador das festas de San Xoán 2016 levará a sinatura de Juan Diego Ingelmo Benavente, deseñador gráfico asturiano afincado en Burriana (Castellón). A súa proposta foi seleccionada polo xurado entre un total de 65 chegadas dende distintos recunchos da xeografía española. O premio, patrocinado un ano máis por Opticalia Enríquez, está dotado con 450 euros.
O premio está patrocinado, un ano máis, por Opticalia Enríquez, e ascende a 450 euros
Juan Diego Ingelmo conta cun extenso historial de galardóns en certames similares. Eventos como o Festival Nacional de Exaltación del Botillo de Bembibre (León), o Carnaval de La Luz de Punta Umbría deste mesmo ano, a Copa Davis España-Estados Unidos disputada en Xixón no 2012 ou a Semana Gastronómicia de Guardamar 2016, entre outros moitos, foron ilustrados polo artista burrianés. Neste caso, o seu colorido e alegre deseño ilustrará o cartel anunciador das festas patronais de Carballo e as portadas do programa de man e da revista do San Xoán.
Elección do xurado
A imaxe do San Xoán 2016 darase a coñecer coincidindo coa presentación do programa de festas e coa entrega do premio ao seu autor. O xurado, reunido no Pazo da Cultura este martes pola noite, estivo integrado pola concelleira de Festas, Mar Eirís; a presidenta da Asociación Cultural San Xoán, María José Souto; as concelleiras Inés Rodríguez e Maica Ures; os membros da comisión de festas Gustavo Lorenzo, José Luis Fraga, Sergio Varela, Daniel Pérez e Manuel Fariña; a xornalista Cristina Abelleira e Carmen Castro en calidade de secretaria.