O RESULTADO PODERÁ VERSE NO FESTIVAL O 5 DE MAIO
O III Carballo Interplay quenta motores creando unha webserie cos seus padriños: David Sáinz e Teresa Segura
Martes 26 de abril do 2016
David Sáinz e Teresa Segura o martes 26 de abril no Fórum preparados para comezar o taller
O III Festival Carballo Interplay quenta motores para a gran cita coas últimas tendencias no mundo dos contidos dixitais e das novas narrativas que terá lugar os días 5, 6 e 7 de maio. E faino da mellor maneira posible: creando. Esta semana previa ao evento o FormaCIP, o ciclo de formación do Carballo Interplay, contará cuns mestres de excepción. David Saínz e Teresa Segura, responsables de Malviviendo, unha das pioneiras e das máis populares webseries españolas, estarán en Carballo para impartir o obradoiro de Creación dunha webserie. Dende hoxe, martes 26 de abril, ata o vindeiro domingo, día 1 de maio, estes dous artistas e viners sevillanos compartirán nun curso teórico-práctico os seus coñecementos e experiencia na posta en marcha dun proxecto de ficción seriada para a rede, dende a creación do guión ata a súa distribución.
O obradoiro, aínda que cunha importante parte teórica, está formulado como un exercicio práctico no que os alumnos actuarán como unha equipa e crearán un proxecto conxunto. A webserie resultante poderá verse o primeiro día do Carballo Interplay, o xoves 5 de maio, ás 12.30h. no auditorio do Forum Carballo.
Os creadores de Malviviendo esterarán en exclusiva no festival a segunda tempada da súa última webserie Entertainment
David Saínz e Teresa Segura forman parte da produtora Diffferent Entertainment, de Dos Hermanas (Sevilla). Fixéronse coñecidos pola webserie Malviviendo, que conta a vida dun grupo de amigos dun barrio marxinal ficticio de Sevilla, no que a droga, a violencia e la delincuencia son parte do día a día. A serie mistura humor e denuncia social e, dende a súa estrea en 2008, foi medrando en popularidade ata chegar a contar con artistas famosos nalgún dos seus capítulos. Nesta edición do CIP, ademais de participar no FormaCIP, os de Different Enterteinment estrearán en exclusiva, o venres 6 de maio ás 20h, a segunda temporada da súa última creación, Entertainment, unha webserie en falso documental que conta a vida dos membros da produtora despois de Malviviendo.
FormaCIP
Ademais do curso de creación de webserie que se desenvolve esta semana, o programa do FormaCIP, que se celebra nos meses previos ao Festival CarballoInterplay organizado polo Concello de Carballo, inclúe este ano outros obradoiros para adultos, estudantes e nenos. No mes de marzo celebráronse os obradoiros para adultos e estudantes de “A web como canle para contar historias”, impartido por Oscar Otero; e “Producción e Financiación”, impartido por Felipe Lage. Xa en abril, “Márketins na rede e dende abaixo para o teu produto audiovisual”, impartido por María Yáñez; e Dirección de actores, impartido por Alfonso Zarauza.
Nesta última semana de abril e durante a celebración do Festival, chegará o turno dos nenos, que poderán participar gratuitamente nos obradoiros de Robótica express: programación e electrónica con Arduino, que impartirá Code Monsters; Micropaleta gráfica Codeco, impartido por Esferobite; e Creación de emoticonos analóxicos, impartido por Paula Fraile.
Ligazóns
Novas relacionadas
- O Carballo Interplay selecciona 36 webseries, algunhas de Canadá, Nova Zelanda ou EEUU, para competir polos 5.000 euros en premios
- O Carballo Interplay amosará novas narrativas dixitais con Andreu Meixide, a webserie Entertainment ou Os Zopilote
- Os Hermanos Podcast e os Venga Monjas actuarán en directo no III Festival Carballo Interplay que terá lugar en maio
- Máis de 120 webseries de todo o mundo participan no concurso do terceiro Festival Carballo Interplay