LUZ VERDE PARA A MODIFICACIÓN DA ORDENANZA DE DEPURACIÓN
Alberto Sueiro formaliza no pleno a súa renuncia como concelleiro do grupo municipal do PP despois de 10 anos ao frente do partido
Martes 29 de outubro do 2013
Previamente, por parte do PSOE falou José Antonio Viña, que subliñou que "onde vía un veciño vexo unha persoa que valoro e aprecio"; o líder de TEGA, Manuel Andrade, salientou que Sueiro "foi un dos poucos líderes do PP co que cheguei a entenderme" e bromeou dicindo que "cando marcha é cando a xente aposta por el"; o voceiro do BNG, Xosé Regueira, asegurou tamén entre bromas que botará de menos os debates con Sueiro, "un barómetro co que medía o meu grao de implicación marxista". E tamén o seu compañeiro Miguel Ferreiro, a partir de agora número 1 do PP carballés, quixo resaltar que Alberto Sueiro "marcha por motivos persoais e profesionais", xa que "nós estabamos encantados con el". Para Ferreiro, Sueiro "foi xeneroso na retirada e un cabaleiro da política" desexándolle, para finalizar "todos os parabéns e toda a sorte do mundo". A sesión contou con outros asuntos na orde do día, como a aprobación inicial para a modificación da Ordenanza fiscal nº 10 reguladora pola taxa do servizo da rede de sumidoiros e depuración de augas residuais para 2014 e da Ordenanza fiscal nº 17, reguladora da taxa polo subministro e acometida á rede xeral de abastecemento de auga potable para 2014. En ámbolos dous casos o cambio supón unha suba na cota dun 0,3 por cento. Moción de TEGA e intervención contra a mina de Corcoesto
Na Ordenanza nº 10, polo servizo de evacuación á rede de sumidoiros a cota de mantemento sería de 4,60 € ao trimestre; a de consumo industrial de 0,4108 € por metro cúbico; e a de consumo doméstico de 0,1501 € por metro cúbico. No caso do servizo de depuración, o consumo industrial é de 0,4530 € por metro cúbico; e o doméstico de 0,2541 € por metro cúbico. Ademais, prodúcese unha modificación do artigo 7 da normativa no que respecta ao devengo. Así, "considerarase que comeza a prestación do servizo que da orixe ao nacemento da obriga de contribuír, entre outras, cando se formule a solicitude, ou dende que teña lugar a acometida efectiva se se levase a cabo sen autorización, ou cando se estea en disposición de recibir o servizo nos termos sinalados na ordenanza e non se solicite o preceptivo enganche". Coa modificación da taxa preténdese regularizar o servizo para que tamén pasen a pagalo os veciños do medio rural que conten con el. A modificación foi aprobada con once votos a favor. No que respecta á Ordenanza fiscal nº 17, reguladora da taxa polo subministro e acometida á rede xeral de abastecemento, coa suba a cota será de 4,05 euros ao trimestre, e de 0,4108 € por metro cúbico para o consumo en 2014. Neste caso, o asunto foi aprobado por unanimidade.
E a sesión rematou, en cumprimento do artigo 25 do Regulamento Municipal de Participación Cidadá, coa comparecencia da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, en contra da mina de ouro a ceo aberto. Tiveron o uso da palabra durante 10 minutos Raquel Bello Varela e Roi Veres Martínez para expoñer os seus argumentos en contra da mina, en representación de máis de medio centenar de veciños e veciñas que encheron o salón de plenos para defender as súas reivindicacións.