VENRES 25 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS NO PAZO DA CULTURA
Titzina Teatre estrea no FIOT por primeira vez en España "Distancia siete minutos", unha reflexión sobre a felicidade
Xoves 24 de outubro do 2013
A Concelleira de Cultura, Mar Eirís, tamén quixo subliñar o "orgullo" e o "privilexio" que supón para o FIOT contar con esta compañía "vella amiga" de Carballo. Respecto do proceso creativo para construír "Distancia siete minutos", como en propostas anteriores, Pako Merino e Diego Lorca realizan unha importante laboura de investigación e de traballo de campo, neste caso nun cárcere. Partiron do obxectivo de reflexionar sobre a felicidade e a súa busca incesante. Despois de abordar en proxectos anteriores a loucura, a guerra ou a morte, quixeron desta volta centrarse neste concepto, en principio máis optimista, especialmente contrastando a idea con lugares, como un cárcere, onde "a priori é difícil encontrar a felicidade", explica Lorca. A proposta navega pola traxicomedia e conta cos sinais característicos e recoñecibles de Titzina. Porén, o espectáculo, segundo resaltan tamén dende a compañía, reflicte "a evolución positiva como persoas e creadores" que teñen experimentado dende o seu nacemento, cunha dramaturxia cada vez máis traballada e procurando sempre, como "obriga", que o público "estea conectado emocionalmente" e de forma "constante" co que ocorre no escenario. E, por suposto, tomando e aceptando riscos, "enfrontándose ao novo" e engadindo elementos para seguir avanzando, en verbas de Lorca.
Para os seguidores máis incondicionais da compañía, hai que mencionar que de novo Pako Merino e Diego Lorca interpretan todos os personaxes, introducen as distintas escenas co seu dinamismo habitual e que, despois de realizar unha xira por Arxentina, teñen recibido, como os traballos anteriores, o apoio da crítica e do público. A cita é o venres 25 de outubro a partir das 21.00 horas no auditorio do Pazo da Cultura. E o voves 24 Pako Merino e Diego Lorca manteñen un encontro con todos os espectadores que así o desexen no Pazo da Cultura a partir das 20.00 horas no marco do ciclo "Café con...". As entradas para asistir a este espectáculo están esgotadas dende primeiros de outubro.