LUZ VERDE AO INCREMENTO DAS TAXAS DO CONSERVATORIO
O pleno aproba por unanimidade tres mocións sobre as plantas xudiciais, a mellora da travesía de Bértoa e os abonos deportivos
Martes 3 de xullo do 2012
Así coa nova planta xudicial a demarcación carballesa pasaría a formar parte da planta da Coruña xunto coa de Betanzos, co conseguinte prexuízo para profesionais e veciñanza do municipio. Tamén insta ao Goberno para que retire o Anteproxecto de Reforma das taxas xudiciais, e para que reforme a Lei 37/2011, de 10 de outubro, de Medidas de Axilización procesal, no sentido de volver ao sistema anterior no que se refire á contía dos recursos de apelación e casación e en materia de costas no proceso contencioso-administrativo, para favorecer que a cidadanía teña acceso á defensa universal. Por último, saíu adiante por unanimidade, despois da inclusión dunha enmenda, unha moción do PP para instar ao Padroado Deportivo Municipal a que avalíe as circunstancias nas que se podería modificar a idade na que se poden manter os fillos/as dos abonados/as como beneficiarios do abono familiar, mentres non teñan ingresos por atoparse en situación de desemprego ou por continuar os seus estudos.
Taxas do Conservatorio e Comisión de Investigación
O pleno tamén supuxo a modificación da Ordenanza fiscal nº 18: Taxas do Conservatorio Profesional de Música co apoio do PSOE e o BNG. O cambio supón un incremento nos abonos de matrícula co obxectivo de reducir o déficit do organismo nestes momentos, que ascende a 200.000 euros derivados dos gastos de mantemento. O Concello incluirá Conservatorio a partir de agora nas bolsas de estudo que concede a administración local, ás que tan só poderán optar aqueles alumnos e alumnas do municipio, dado que o centro conta con estudantes carballeses, pero tamén cunha importante porcentaxe de alumnado doutros concellos, especialmente en Grao Profesional. As taxas serían, para grao elemental: 285 euros para o curso completo; 50 euros para as probas de acceso; e 70 euros para materias pendentes. Para Grao Profesional serían: 335 euros para o curso completo en 1º e 2º curso, 385 euros en 3º e 4º e 440 euros para 5º e 6º curso; 80 euros para as probas de acceso; e unha taxa de 100 euros para materias pendentes.No apartado de seguimento de órganos de goberno, a orde do día supuxo a dación de conta das conclusións da Comisión Especial de Investigación pola presunta contratación irregular dunha persoa polo Concello de Carballo relativa ao servizo de axuda a domicilio. O ditame foi referendado por PSOE, PP e TEGA e rexeitado polo BNG. Dentro da orde do día tamén saíu adiante un recoñecemento dunha compatibilidade por parte dun operario municipal para desempeñar un segundo posto de traballo no sector privado.