ENTRE O 22 DE XANEIRO E O 30 DE ABRIL
Unha vintena de espectáculos e actividades de música, arte, fotografía ou teatro conforman os Venres Culturais 2012
Venres 13 de xaneiro do 2012
Pero os Venres Culturais tamén teñen un amplo espazo para o público adulto, con especial importancia do teatro, con cinco citas de compañías galegas repartidas entre xaneiro e marzo. Principia Cándido Pazó o 27 de xaneiro con "Memorias das memorias dun neno labrego", unha homenaxe emotiva e divertida ao célebre libro de Neira Vilas que cumpre 50 anos. O venres 10 de febreiro Teatro do Noroeste presenta "Último cowboy". Nela, un solitario home maior, convalecente dun infarto, vese obrigado polos seus fillos a aceptar na súa casa a unha muller que o coide. O 2 de marzo Lagarta Lagarta propón "Unha hora na vida de Stefan Zweig", inspirada nas vivencias do famoso escritor austríaco. O sábado 17 de marzo o Grupo Chévere presenta "Citizen total", unha historia de ficción baseada nun personaxe real chamado Amancio Ortega que creou un imperio económico dende a periferia a partires da marca Zara. E a última función de teatro dos Venres Culturais é o 30 de marzo con Teatro do Atlántico e "E.R. (Algún día traballaremos xuntas)", na que unha estudante de arte dramático visita a tres veteranas actrices que na xuventude foran discípulas de Encarna Ribera. Para estes cinco espectáculos teatrais pode adquirirse un bono de 13 € (de 10 € co prezo especial reducido para estudantes con carné, maiores de 65 anos e menores de 12).
Concertos, arte e fotografía
A música é outra das liñas mestras dos Venres Culturais, con catro citas que se reparten en 3 concertos e un documental musical. Os sons comezan o venres 3 de febreiro coa primeira parte de Rockcarballo, un concerto que volve ao Pazo da Cultura da man dos grupos máis representativos do panorama musical carballés: The Cerne, Falso Jocker, Versión imposible e Tinperís. O venres 9 de marzo chega Roger de Flor, con dúas propostas. A primeira é un documental titulado "Naturalidade Silvestre", na que se afonda nas motivacións deste creador bohemio, autodidacta e independente. Despois do documental Roger de Flor & Silvestres presentan en concerto o disco "El mundo está loco, loco, loco..." doce cancións cheas de swing, pop ou rock. As citas musicais péchaas a segunda parte do Rockcarballo, neste caso o venres 23 de marzo con Killer Cats, Lowcos, Snots e Refugio. Todas as citas musicais son de balde excepto o concerto de Roger de Flor & Silvestres que custa 3 € (2 € con desconto).
O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, queren subliñar a contía dos prezos, "case simbólicos" e o esforzo feito para manter esta completa programación cultural nos tempos que corren. Tamén agradecen a colaboración da Agadic sen a que sería imposible contar con moitos dos espectáculos dos Venres Culturais. Os interesados e interesadas poden obter máis información no 981 704 300 ou ben descargando o programa de actividades dos Venres Culturais ao completo nun documento en pdf nesta mesma nova, onde, así mesmo, poden obter máis datos sobre a venda de entradas.