SEIS DELAS CORRESPÓNDENSE COS TERREOS DA SEGUNDA FASE
Carballo rexistra un total de sete solicitudes de licenzas para naves industriais no Parque Empresarial de Bértoa en 2011
Luns 9 de xaneiro do 2012
A primeira fase do Parque Empresarial de Bértoa foi construída no ano 1988. A ampliación do polígono comezou en 2004 mediante un plan posto en marcha polo anterior goberno da Xunta que vén de culminar no presente mandato o goberno actual coa inauguración oficial desta segunda fase en setembro de 2010. Porén, non é ata novembro do ano 2011 cando Xestur escritura as parcelas do polígono, o que fai posible comenzar co aproveitamento da ampliación do parque. Esta segunda fase conta cunha superficie de 718.000 metros cadrados, 458.619 dos cales corresponden a 146 parcelas para uso empresarial -128 de nova creación- e os 259.863 metros cadrados restantes a solo de cesión, destinado a zonas verdes, viales, zonas de aparcamento e parcelas de servizos técnicos e equipamento público que xestionará o Concello. O investimento total para a creación desta ampliación, coa que o polígono conta xa con 1,2 millóns de metros cadrados de superficie total, é de 25.736.341 euros, dos que case a metade destináronse á adquisición de terreos e a achega restante aos traballos de urbanización. Tamén hai que lembrar que nestes momentos está en marcha unha terceira fase para o parque empresarial que sumaría outras 54 hectáreas de superficie.