ADXUDICADAS AS OBRAS PARA CREAR UNHA PRAZA PÚBLICA EN SOFÁN
Avanzan os trámites para poder contratar as actuacións do proxecto Anllóns-Bardoso de mellora do subministro de auga potable
Luns 21 de novembro do 2011
No apartado de contratacións, hai que mencionar a adxudicacion do contrato administrativo da obra para a construción dunha Praza Pública en Sofán. Os traballos serán realizados pola empresa Decoraciones J. Bello por un prezo de adxudicación de 160.218,37 euros -sobre un prezo de licitación de 184.160,20 euros- e un prazo de execución previsto de catro meses. Esta actuación está incluída no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal (POS) de 2011. Hai que lembrar que este proxecto xorde a raíz dunha iniciativa veciñal presentada ao abeiro do Regulamento de Participación Cidadá pola Asociación de Veciños San Salvador de Sofán. É a primeira vez que se emprega este mecanismo, que neste caso ten o obxectivo de adquirir unha parcela de 913 metros cadrados e ampliar o espazo público do adro da igrexa para poder celebrar as actividades parroquiais. A iniciativa consiste en que o proxecto finánciase ao 50 por cento entre o Concello e os veciños. A actuación foi aprobada polo pleno do 29 de novembro de 2010 e incluída no POS.
Así mesmo aprobouse o expediente de contratación para a organización e vixilancia do espazo público onde se desenvolve o mercado de ambulantes da Milagrosa os segundos, cuartos e quintos domigos de mes. O prezo do contrato é de 58.389,60 euros para os primeiros catro anos de duración inicial prevista, prorrogable a outros dous anos máis. A proposta inclúe como obrigas a organización dos postos do mercado na contorna da Praza da Milagrosa, a comprobación das autorizacións e dos pagos dos concesionarios dos postos e a limpeza do ámbito do espazo público onde se desenvolven as feiras e mercados. Ademais, a Xunta de Goberno supuxo a resolución do contrato do servizo de Limpeza do CEIP Bergantiños da capital municipal. No apartado de urbanismo, a Xunta de Goberno deu luz verde ao proxecto de urbanizacion do polígono 5 da capital municipal situado na contorna da rúa Muíño.
Solicitude de axudas para emprender accións formativas
A Xunta de Goberno supuxo, así mesmo, a aprobación da solicitude de axudas para emprender accións formativas en zonas mineiras do carbón para a convocatoria de 2012. Así, pídese axuda económica para emprender un curso de Soldador de tubería de grandes dimensións para gaseoductos e oleoductos; outro de Carpinterio metálico, PVC e aluminio; e o desenvolvemento de módulos transversairs relacionados cos riscos laborais, a inserción laboral, a sensibilización medioambiental e a igualdade de xénero. A sesión tamén aprobou as bases do XIV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, que ten como obxecto contribuír á creación artística e a fomentar a divulgación da fotografía. Por último, recibiron luz verde sete licenzas de obra; tres licenzas de obra e apertura; unha licenza de primeira ocupación e unha de parcelación, ademais dun vao permanente na rúa Bolivia.