SÁBADO 4 DE XUÑO ÁS 17.00 HORAS
Xogar na Rúa pecha as actividades de Deporte en idade escolar, nas que teñen participado preto de 2.500 nenos e nenas
Martes 31 de maio do 2011
O xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, subliñou os 20 anos de historia de Xogar na Rúa, unha iniciativa pola que "teñen pasado un montón de monitores e colaboradores", algún deles nais ou pais dos propios rapaces. Tamén quixo subliñar que nesta ocasión participan os alumnos e alumnas do CEIP Canosa-Rus, un centro que, aínda que despois do deslinde pertence ao Concello de Coristanco, conta con numerosos alumnos e alumnas de Carballo que asisten a Xogar na Rúa grazas á colaboración entre a Asociación A Braña e o Concello caballés. O Concelleiro de Deporte en funcións, Marcos Trigo, quixo resaltar que Xogar na Rúa é unha cita "consolidada" e "de referencia" non só na vila, senón en toda a comarca e o Alcalde en funcións, Evencio Ferrero, manifestou que "Carballo é deporte", algo que precisamente se porá de manifesto o sábado 4 de xuño na Praza do Concello, demostrando a "extraordinaria saúde do deporte carballés". Unha saúde que se expresa, non só a través dos títulos acadados en diferentes disciplinas e categorías deportivas, "senón tamén onde ten as súas raíces: no deporte en idade escolar". Por último, subliñou o feito de que en Carballo "calquera familia teña oportunidade de escoller o deporte que máis lles guste aos seus fillos e fillas".
A relación de participantes por centro de ensino no programa de Deporte na Escola durante o curso pasado é a seguinte:
- ANPA Pedras Blancas - CEIP Fogar: 70
- ANPA A Casilla - CEIP A Cristina: 90
- ANPA A Granxa - CEIP Bergantiños: 330
- ANPA San Martiño - CEIP Nétoma-Razo: 54
- ANPA A Milagrosa - CEIP San Luís Romero: 56
- ANPA Raiante - CEIP Gándara-Sofán: 54
- ANPA A Braña - CEIP Canosa-Rus: 129
A relación de participantes noutras actividades de deporte escolar é a seguinte:
- Campo a través, fase local: 602
- Natación escolar, fase final: 45
- Balonmán infantil, fase final: 112
- Balonmán benxamín-alevín, fase final: 205
- Liga Escolar Multideporte: 720
Os interesados e interesadas poden consultar un plano de situación dos xogos na Praza do Concello en pdf nesta mesma nova.