SÁBADO 30 E DOMINGO 31 DE OUTUBRO
O Feirón de Outono conxuga o III Concurso de Produtos do Agro e as Xornadas Gastronómicas da Faba
Xoves 28 de outubro do 2010
Os produtos participantes no III Concurso de Produtos do Agro estarán expostos na carpa do Concello ao longo da mañá do Feirón -domingo 31- ata as 14.00 horas, cando terá lugar o fallo do xurado e a entrega dos galardóns. No que respecta ás Xornadas Gastronómicas da Faba, ata oito locais hostaleiros do centro carballés participan nesta cita, que ten lugar o sábado 30 e o domingo 31 de outubro. Trátase de dous días nos que se poderán degustar, nos diferentes locais participantes, tapas nas que o produto base é a faba e que serán servidas gratuitamente con cada consumición ao mediodía e pola noite. Ambos os dous días, este evento estará acompañado por actividades de animación musical nos locais e tamén na praza do Concello o día do Feirón. Os locais que participan na iniciativa son: Kasa Klandestino, Cafetería Habanos 79, Mesón A Cabaña, Cervecería San Juan, Restaurante Bergantiños, Café-Vinoteca Ánfora, Cervexaría A Bombonera e Cafetería El Juzgado. Segundo consta nas bases de participación, o horario aproximado de celebración das Xornadas é de 13.00 a 15.00 horas aproximadamente, e pola noite, entre as 20.00 horas e as 22.00 horas, con posibilidade de ampliar horario.
Hai que lembrar que o Feirón de Outono enmárcase dentro da iniciativa dos Feiróns de Tempada, que comezaron a celebrarse no verán de 2008 co obxecto de potenciar os mercados de cada quinto domingo de mes, apostando polos catro feiróns que se celebran ao longo do ano. Cada cita ten as súas propias peculiaridades e está acompañada do se propio programa de actividades. Os feiróns son unha singularidade do mercado tradicional carballés e, aínda que a súa distribución varía segundo o ano, repártense cunha periodicidade trimestral, o que permite unha programación estacional e, xa que logo, a posta en valor dos mellores produtos de tempada. Nos Feiróns de Tempada sempre está presente a oferta de 'Merca-do bo', unha iniciativa na que se potencian os hábitos de vida saudable, favorecendo o consumo de produtos frescos e da terra, relacionando o mercado tradicional e a dieta atlántica para acadar unha alimentación sa. Téntase, así mesmo, favorecer a interacción do comerciante co cliente como un elemento activo na consecución deste obxectivo.