ESGOTADAS AS ENTRADAS PARA TODAS AS FUNCIÓNS
Mr. Kubik Producciones abre a última fin de semana do FIOT con "Los cazadores de Thé" e "M3-Metro cúbico"
Mércores 27 de outubro do 2010
Mediante unha coidada estética visual, unha paisaxe poética en pleno corazón da Antártida, nun espazo sonoro inquietante e nunha escenografía xiratoria, o espectador quedará envolto na atmosfera surrealista desta estraña travesía cara ao descoñecido na que atopamos un oso branco, morsas mariñas ou un frigorífico. O espectador está envolto nun espazo que se converte na base da identidade dos personaxes e das motivacións da súa perigosa travesía. Acompaña nesta xeada odisea a proxección de vídeos que axudan a crear esta produción que reflicte unha época na que eran moi conscientes de que "[...] a historia non ten memoria de segundos postos...". Mr. Kubik Produciones, unha innovadora compañía madrileña que destaca pola súa creatividade e o humor nace no ano 2004 arredor dos irmáns Sánchez-Cabezudo e outros profesionais do cine e do teatro. Desde o principio colleitaron éxitos e diversos premios. Nesta ocasión o famoso clown, director e mestre Hernán Gené únese a este proxecto.
No que respecta a "M3-Metro Cúbico", Fernando Sánchez-Cabezudo métese na pel dun home cúbico que atopou apartamento, pero nada máis abrir a porta percátase das dimensións do seu novo fogar: pouco máis dun metro cúbico. Asumida a situación comeza a facer a súa vida cotiá como a de calquera, pero pronto se decatará de que non será tan doado. Os imprevistos domésticos poden supor retos de dimensións épicas. O traballo de interpretación compleméntase cun orixinal deseño sonoro e montaxes de vídeo pechando a cuarta parede do cubo e facilitando situacións cheas de sorpresas e permitindo centrar a atención na fórmula do clown, un pobre home do que o público se ri ao ver cómo el mesmo tende a magnificar as súas desgrazas. "M3" é un espectáculo de humor xestual, absurdo, áxil, fresco e absolutamente divertido. Esta é a primeira produción de Mr. Kubik Producciones, e con ela percorreu e recolleu premios e recoñecementos dun e doutro lado do Atlántico polo seu carácter innovador e orixinal.