Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os arxentinos Teatro Timbre4 presentan...

SÁBADO 30 DE OUTUBRO ÁS 21.00 HORAS

Os arxentinos Teatro Timbre4 presentan "Tercer cuerpo" do coñecido autor e director Claudio Tolcachir

Xoves 28 de outubro do 2010

A proposta de Timbre 4 apóiase na simultaneidade de varios tempos e espazos tratados con gran economía de recursos, onde o máis importante é o que non se ve, o que non se di, o que move ao desexo. A posta en escena, a escenografía e a iluminación acompañan esta obra na que o acento está sobre as personaxes e os seus vínculos. Verdadeiro teatro de actor, a base de diálogos vivísimos e cun sentido do humor formidable. "Tercer cuerpo" rompe co espazo escénico apoiándose nas actuacións. O eixo espazo-tempo como unidade convencional quebra, dando paso a unha homologación de diversas situacións que conviven nun mesmo espazo: un espazo que é un e moitos a un tempo. O acento da proposta recae nos personaxes e nas relacións que se desenvolven entre eles, que se desatan e que finalmente tamén explotan. A cita é o sábado 30 ás 21.00 horas.

O reparto está formado por Melisa Hermida, Daniela Pal, José María Marcos, Herman Grinstein e Magdalena Grandoni. O deseño espacial o libro e a dirección son de Claudio Tolcachir. Este actor, director, dramaturgo e docente fixo a súa primeira incursión no mundo dramático coa multi premiada obra "La omisión de la familia Coleman". Con tan só 33 anos, "Tercer cuerpo" é a súa segunda creación como autor, pero ten participado en numerosos traballos teatrais entre os que destacan "Un hombre que se ahoga" -de Daniel Veronese, presente no FIOT 2010 como autor de "Los corderos"-, ou clásicos como "Romeo y Julieta", "Sueño de una noche de verano", "Lisístrata" (resultando premiado como actor revelación) ou "Medea".

As entradas para todas as funcións do FIOT están esgotadas, pero a pesares de todo, quen queiran asistir a algún dos espectáculos teñen unha última oportunidade. Así, aínda que non hai billetes, os interesados e interesadas teñen a posibilidade de acceder ao espectáculo, acudindo o mesmo día da representación a partires das 20.30 horas ao despacho de billetes, onde se poñen á venda aquelas entradas que non foron recollidas polos espectadores que tiñan reserva telefónica previa. Os interesados e interesadas en obter máis información sobre o FIOT 2010 poden facelo nas oficinas do Pazo da Cultura, na Rúa do Pan s/n de Carballo, ou no teléfono 981 704 300, así como na páxina web do FIOT: <www.fiot.org>. O FIOT tamén está en Facebook: FIOT Festivaloutonoteatrocarballo.

Compartir: