PRÓRROGA PARA AS AUTORIZACIÓNS DA VENDA AMBULANTE
O pleno maniféstase unanimemente contra a violencia de xénero coa Declaración Institucional do 25 de novembro
Martes 26 de outubro do 2010
Outro dos puntos da orde do día, que saíu adiante cos votos do Goberno, é a prórroga das autorizacións da Ordenanza municipal reguladora das feiras e mercados periódicos e da venda ambulante no termo municipal de Carballo. O motivo é a posta en marcha dunha nova Directiva Europea de Servizos que establece novos criterios para as concesións dos postos, como a obriga de libre concorrencia sen garantir reservas de espazos para outorgar as autorizacións nas áreas de venda ambulante. Nestes momentos, case ningún concello ten adaptada a súa normativa a esta nova directiva, que, a xuízo do goberno local, non ten en conta as circunstancias e características especiais do mercado tradicional como o que se desenvolve semanalmente nas feiras de Carballo. Por ese motivo, lévase ao pleno a prórroga da concesión dos espazos por un ano máis, durante todo o 2011, para manter inalterada durante outros doce meses a situación e mantela como viña regulándose até o de agora. Deste xeito, espérase para poder observar o desenvolvemento futuro e a aplicación da nova directiva.
A sesión tamén incluíu a dación de conta do Informe de Intervención e Tesourería de loita contra a morosidade, onde se recollen as facturas do Concello que non teñen sido tramitadas en prazo, superando os 90 días en Rexistro ou os 55 días sen abonarse. O importe ascende a 192.167 euros. Dentro do apartado de mocións, o grupo de Terra Galega presentou unha proposta solicitando que volva a Zona Azul á rúa Cervantes. O Goberno rexeitou esta proposta explicando que o feito de que unha das marxes da rúa Cervantes estea destinada nestes momentos a carga e descarga débese ao desenvolvemento das obras de reforma integral do mercado municipal e polo tanto é unha medida provisional. A decisión de reservar esa marxe da vía tomouse para garantir o abastecemento do mercado -que mantén a súa actividade- mentres duren os traballos, que invaden boa parte da outra marxe da rúa. Así, unha vez rematen as obras restablecerase a Zona Azul na vía. Por tanto, nestes intres rexéitase a literalidade da moción de TEGA. Por último, a sesión incluíu a comparecencia, por solicitude do grupo municipal do PP, do Concelleiro de Urbanismo e Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, que falou sobre o desenvolvemento dos traballos de revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) e sobre a reforma da travesía de Malpica.