Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT 2010 colga o cartel de "todo...

PAULA CARBALLEIRA DEDICA AO PÚBLICO O XOGRAR DE OUTONO

O FIOT 2010 colga o cartel de "todo vendido" en todas as funcións excepto "Los cazadores de Thé"

Luns 25 de outubro do 2010

Un éxito sen precedentes que mostra a boa saúde do festival, que cada ano incrementa o número de espectadores. A pesares de todo, quen queiran asistir a algún dos espectáculos que teñen colgado o cartel de "todo vendido" teñen unha última oportunidade. Así, aínda que as entradas están esgotadas, os interesados e interesadas teñen a posibilidade de acceder ao espectáculo, acudindo o mesmo día da representación ás 20.30 horas ao despacho de billetes, onde se poñen á venda aquelas entradas que non foron recollidas polos espectadores que tiñan reserva telefónica previa. E os que queiran asistir a "Los cazadores de Thé", aínda poden adquirir ou reservar as entradas no seguinte horario: todos os días de mañá e os mércores e os xoves pola tarde, de 12.00 a 14.00 horas e de 18.30 a 20.00 horas. Os interesados e interesadas en obter máis información sobre o FIOT 2010 poden facelo nas oficinas do Pazo da Cultura, na Rúa do Pan s/n de Carballo, ou no teléfono 981 704 300, así como na páxina web do FIOT: <www.fiot.org>. O FIOT tamén está en Facebook: FIOT Festivaloutonoteatrocarballo.

Entrega do Xograr de Outono 2010


Ademais, na noite do sábado 23 de outubro e despois da aclamada representación de "Volpone", celebrouse a entrega do premio Xograr de Outono 2010. O anterior premiado, Cándido Pazó, tiña que ser o encargado de presentar á nova galardoada, Paula Carballeira, que se converteu na segunda Xograresa do FIOT. Os compromisos profesionais impedíronllo, polo que foi Quico Cadaval, outro Xograr, o encargado de ler as verbas que Pazó lle dedicou a esta directora, actriz, escritora e contacontos de Fene que ten "moita imaxinación" e que recibe o premio "merecidísimamente", converténdose na oitava galardoada do Festival. Recollendo as verbas de Pazó, Carballeira chegou ao escenario e como se se tratase dun xogo infantil berrou "por min" no momento de alzar o premio -entregado polo director do AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero-, para inmediatamente dedicarllo "ao público" e ao seu socio Chiqui Pereira "que tamén é un xograr". Por último, e dado que Paula Carballeira ten no público infantil o seu maior aliado, non só a través da compañía que fundou, "Berrobambán", senón a través do seu traballo como escritora e narradora, quixo facer mención especial aos nenos e nenas, a súa principal audiencia, e tamén "aos nenos e nenas que todos levamos dentro".

Compartir: