Inicio Carballo ao día Hemeroteca "Los corderos" conxuga na segunda...

DOMINGO 24: FINAL DO CERTAME DE TEATRO LIDO XOSÉ MANUEL EIRÍS

"Los corderos" conxuga na segunda sesión do OTNI o teatro arxentino e o granadino con Daniel Veronese e Histrión

Sábado 23 de outubro do 2010

O texto conta a historia de Gómez, que aparece atado e vendado na casa de Berta á que non ve dende hai 20 anos. Descoñece as razóns pero tanto ela coma o seu veciño Fermín rexeitan darlle as explicacións que pide. Despois aparece Tono, amigo íntimo de Gómez no pasado e recentemente separado de Berta coa que ten unha filla. A presenza da filla na casa precipita un final inesperado para todos. A familia, os amigos, o barrio ou a figura do bo veciño atópanse envoltos nunha néboa escura de violencia. A vida segue para todos. Os intérpretes son Gema Matarranz, Manuel Salas, Paco Inestrosa, Enrique Torres e Elena de Cara. A iluminación é de Juan Felipe Austín e a dirección, adaptación e autoría do texto é de Daniel Veronese. Por outra banda, aínda que as entradas están esgotadas, os interesados e interesadas teñen unha oportunidade de acceder ao espectáculo, acudindo o mesmo día da representación ás 20.30 horas ao despacho de billetes, onde se poñen á venda aquelas entradas que non foron recollidas polos espectadores que tiñan reserva previa. O prezo é de 4 euros.

Hai que lembrar que continúan as actividades paralelas do FIOT, neste caso de dous xeitos ben distintos. Así, o domingo 24 entre as 12.30 e as 13.30 horas haberá animación de rúa a cargo de Peter Punk, un pallaso moi especial que invadirá o centro carballés, converténdoo en escenario, nun espazo tomado por historias variopintas. A Praza do Concello, as rúas Coruña e Hórreo ou o Centro Comercial Haley acollen a este orixinal animador. Tamén dentro das actividades paralelas, o domingo 24 de outubro tamén ten lugar a final do X Concurso Escolar de Teatro Lido "Xosé Manuel Eirís", que nesta ocasión ten como xurado a Santi Pazos, Javier Couto, Fina Rey, Patricia Blanco e Olga Amigo, que foron os encargados de seleccionar como finalistas aos seguintes grupos:

- Na 1ª categoría (grupos de nenos e nenas de ata 10 anos): A obra O Restaurante Farruco do grupo Escola Municipal Cabana de Bergantiños; A bolboreta e a tartaruga do grupo Os Artistas, do CPR Artai e a obra Luns... ¡Que fastidio! do grupo Teatrando voume enredando do CEIP Canosa-Rus.
- Na 2ª categoría (grupos de nenos e nenas de máis de 10 anos) resultaron seleccionados os grupos: A obra A Ratiña Cachondona do grupo Os Cachondos, do CPR Artai; Entangarañados do grupo Os de 6ºC, do CEIP Fogar; e a obra Ana do grupo Escola Municipal de Cabana de Bergantiños

A final, na que se repartirán un total de 850 euros en premios en forma de material didáctico, terá lugar ás 18.00 horas no Auditorio do Pazo da Cultura. Os grupos finalistas volverán interpretar os seus fragmentos teatrais para decidir aos gañadores. Ademais, volve a entrar no escenario o clown Peter Punk, que despois de realizar a animación de rúa pola mañá realizará un espectáculo destinado ao público familiar. A continuación da entrega de premios todos os asistentes poderán degustar unha chocolatada. Este ano acadouse unha alta participación xa que se inscribiron 33 grupos con un total de 203 nenos de entre colexios e asociación da Comarca de Bergantiños aos que se lles fará entrega dun obsequio en dito acto.

Compartir: