DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO
O pleno aborda a prórroga dun ano para as autorizacións dos postos das feiras e mercados periódicos
Venres 22 de outubro do 2010
Outro dos puntos da orde do día é a aprobación da Declaración Institucional contra a violencia de xénero con motivo do 25 de novembro. Segundo explicaron en rolda de prensa o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Tenente de Alcalde, José Antonio Viña, o pleno de outubro constitúe a última sesión antes da conmemoración do 25 de novembro, de aí a presenza da declaración, que recibiu o respaldo unánime da comisión informativa, un apoio que o Goberno espera que se repita na sesión. Ferrero quixo subliñar a importancia que o texto ten este ano, cando se ten rexistrado un "elevadísimo número de vítimas", e especialmente tamén no entorno da comarca. O obxectivo da declaración é acadar que "a sociedade tome conciencia do grave problema que temos que afrontar entre todos". A sesión tamén inclúe a dación de conta do Informe de Intervención e Tesourería de loita contra a morosidade, onde se recollen as facturas do Concello que non teñen sido tramitadas en prazo, superando os 90 días en Rexistro ou os 55 días sen abonarse. O importe ascende a 192.167 euros, aínda que o Alcalde asegura que "a situación económica do Concello de Carballo neste contexto é moi razoable", e subliña que "a tesourería permite afrontar con total normalidade o que resta de exercicio".
Dentro do apartado de mocións, o grupo de Terra Galega presentou unha proposta solicitando que volva a Zona Azul á rúa Cervantes. Segundo explica o Goberno, o feito de que unha das marxes da rúa Cervantes estea destinada nestes momentos a carga e descarga débese ao desenvolvemento das obras de reforma integral do mercado municipal e polo tanto é unha medida provisional. O Alcalde explica que a decisión de reservar esa marxe da vía tomouse para garantir o abastecemento do mercado -que mantén a súa actividade- mentres duren os traballos, que invaden boa parte da outra marxe da rúa. Ferrero asegura que unha vez rematen as obras restablecerase a Zona Azul na vía, pero que nestes intres rexeitarase a literalidade da moción de TEGA. Por último, a sesión plenaria suporá a comparecencia do Concelleiro de Urbanismo e Tenente de Alcalde José Antonio Viña, a petición do grupo municipal do PP. É a terceira ocasión na historia democrática de Carballo en que se produce unha comparecencia dun concelleiro diante do pleno, unha delas neste mesmo mandato, cando a Concelleira de Emprego María Manso falou do proxecto Fórum Carballo e da Casa dos Oficios do barrio da Milagrosa.