PAULA CARBALLEIRA RECIBE O XOGRAR DE OUTONO 2010
Talía Teatro trae ao FIOT a obra "Volpone" colgando o cartel de "non hai billetes"
Venres 22 de outubro do 2010
Talía Teatro leva máis de 20 anos sendo o principal referente teatral da Costa da Morte e leva ás súas costas vintecinco espectáculos, ampliando cada vez máis o seu repertorio e dirixindo as súas montaxes a un amplo abano de públicos. O seu director é Artur Trillo, -relacionado con Carballo por ser o director da Aula Municipal de Teatro da vila e por ter traído ao Pazo da Cultura infinidade de producións de Talía- que estará acompañado no escenario nesta ocasión por Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Ríos, Diego Rey, Gustavo G. Dieste, David Creus e Rubén Prieto. Na dirección deste espectáculo está Roberto Salgueiro. A compañía ten acadado un grande poder de convocatoria na vila, xa que xa non hai entradas para asistir ao espectáculo, colgándose o cartel de "non hai billetes". Poren, os interesados e interesadas en asistir aínda teñen unha oportunidade. Así, ás 20.30 horas do sábado 23 póñense á venda no despacho de billetes do Pazo da Cultura aquelas entradas reservadas por teléfono que non teñan sido recollidas polos espectadores. O prezo da entrada é de 5 euros. Así mesmo, principia o ciclo Café con..., precisamente con Talía, xa que a partires das 19.00 horas o elenco estará a disposición do público para achegar aos espectadores os procesos de creación do espectáculo, nunha xuntanza informal para falar das claves de "Volpone ".
O sábado 23 de outubro tamén é o momento da entrega do premio Xograr de Outono, que neste caso recaeu na actriz, autora, directora e contacontos Paula Carballeira, premiada pola súa traxectoria, xa que a pesares da súa xuventude, xa ten realizado incursións na literatura coa escrita de libros e obras de teatro, especialmente para público infantil e xuvenil; ten sido directora de producións teatrais; é a alma mater da compañía de teatro Berrobambán; ten realizado traballos de actriz na televisión como na serie "Libro de familia" e tamén se dedica á narración oral. Ten desenvolvido un traballo especialmente importante no teatro infantil, loitando por dignificar este xénero e por innovar nos seus plantexamentos. A entrega do premio terá lugar despois da representación da obra "Volpone" (entre as 22.30 e as 22.45 horas aproximadamente), ao contrario que noutras edicións. Recibirá o galardón de mans do director do AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero. Neste acto tamén estarán presentes os anteriores xograres: Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena e Cándido Pazó.