Inicio Carballo ao día Hemeroteca O IV Encontro de política...

O DEPUTADO XOÁN SANDE E EVENCIO FERRERO ABRIRON A XORNADA

O IV Encontro de política lingüística desde as administracións locais persegue accións conxuntas a prol da lingua galega

Mércores 20 de outubro do 2010

O presidente da CTNL e normalizador do Concello de Carballo, Nel Vidal, quixo subliñar na apertura da xornada que a responsabilidade dos concellos en materia de normalización lingüística, non remata coa difusión do uso do galego, senón que debe continuar coa implementación de políticas activas de normalización. No mesmo senso pronunciouse Xoán Sande, que describiu o encontro como "unha oportunidade para por en contacto aos técnicos" para "promover accións conxuntas e debater sobre a situación do idioma". O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, desexo "que a xornada serva para tirar conclusións sobre o idioma", "un aspecto que dignifica a un pobo" e que "ter que ser sempre algo que nos una a todos". Ferrero subliñou que "no ámbito local queda moito por facer" de cara á normalización de idiomas" e concluíu coa arela de que "o uso do idioma nos permita estar máis cómodos como galegos e galegas". Trala apertura, comezou a primeira das mesas de debate do encontro, cos alcaldes de Ponteceso, Malpica de Bergantiños e Zas, o popular José Luís Fondo Aguiar, o socialista José Ramón Varela Rey e o nacionalista Manuel Muíño Espasandín, que falaron sobre a normalización lingüística no ámbito comarcal moderados pola xornalista Comba Campoy.

Varela, Fondo e Muíño comentaron a situación da normalización nos seus concellos, subliñando o feito de que en calquera deles todos os trámites e a atención ao público se realiza en galego, ou sinalando problemáticas como o feito de que o castelán aínda estea reservado, nalgúns casos, para empregalo nas administracións públicas e fóra do ámbito cotián. O programa continúa todo o día cunha mesa sobre a procura da implicación no proceso de normalización lingüística de empresas e asociacións desde os concellos. Xa pola tarde, ás 16.30 horas, ten lugar un encontro sobre o papel das administracións locais no ámbito do ensino e as posibilidades de colaboración e intervención. Este encontro estará guiado polas profesoras Luísa V. Segade, do IES Agra de Leborís, da Laracha, e Mercedes Queixas, do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, ambas pertencentes á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. A xornada remata cun resumo e conclusións ben especiais e retranqueiras, feitas a modo de disputa regueifeira humorística por Luís O'Caruncho e Bieito Lobariñas. Os interesados/as en consultar o programa ao completo, poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: