Inicio Carballo ao día Hemeroteca A actriz, autora, directora e contacontos Paula...

A actriz, autora, directora e contacontos Paula Carballeira resulta elixida Xograresa de Outono do FIOT 2010

Sábado 16 de outubro do 2010

Paula Carballeira nace en Maniños, no Concello de Fene, en 1972, aínda que ben nova marcha a Santiago de Compostela, onde comeza a desenvolver a súa carreira como actriz e contacontos, e pronto como autora. En 1994 licenciouse en Filoloxía Hispánica e en 1998 fixo o curso ‘Especialización en Arte Dramático. Teoría e Práctica da Interpretación’. Ten sido profesora en numerosos cursos de ‘Animación á lectura. É autora, de moitas obras de teatro obras de teatro. Cunha delas, "Boas Noites", visitou Carballo en 2008 dentro do ciclo ‘En familia’ dos Venres Culturais e acadou o I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. Así mesmo, ten escrito moitos libros para cativos e cativas, sendo o último deles "O lobishome de Candeán", en 2009. En televisión ten traballado en "Apaga a luz", "A noite en branco", "Pequeno hotel", episodio piloto de "Pepe o Inglés", "Rías Baixas", "O rei da comedia", "Máxima Audiencia", "Contando estrelas" e "Libro de Familia". Hai tan só dúas semanas ten visitado Sudamérica para participar nun festival como narradora e conta tamén con recoñecemento a nivel internacional e nacional, sendo unha das contacontos con máis prestixio de Galicia e incluso de España.

Ciclo OTNI


Por outra banda, a primeira fin de semana de teatro de sala do FIOT trae tamén consigo a estrea do ciclo OTNI, Obxecto Teatral Non Identificado. Trátase dun novo ciclo que asume riscos, apostando por proxectos máis innovadores que se apartan do convencional e introducen outras linguaxes escénicas. Baixo o epígrafe de OTNI agrúpase un espazo flexible para acoller outras propostas alternativas, pensadas para un público máis minoritario, noutros espazos e con outros códigos. Os espectáculos enmárcanse dentro da oferta contemporánea, adquirindo unha dimensión máis experimental. Porén, hai cabida así mesmo para incluír neste contedor espectáculos de pequeno formato.

O OTNI comeza a súa andaina no FIOT con tres obras e ábrese este domingo 17 de outubro cunha estrea en España, un monólogo cómico con formato café-teatro, ‘Adúlteros desorientados’, a cargo dunha compañía portuguesa de longa traxectoria, Visões Úteis. A partir dun texto do madrileño Juan José Millás esta compañía realiza unha divertida proposta para un público sen prexuízos. É unha historia na procura dunha xustificación para a dobre vida, na que se relatan con humor historias e situacións reais, posibles e imaxinarias sobre o adulterio e os adúlteros. Hai que subliñar que a presenza de Visões Úteis no FIOT vén da man da colaboración do festival co Instituto Camões portugués, co que hai un acordo para contar coa presenza cada ano dunha compañía portuguesa, sendo o ano pasado a Companhía do Chapitô e ‘A tempestade’. A cita é a partires das 21.00 horas no salón de actos do segundo andar do Pazo da Cultura e o prezo da entrada é de 3 euros. Pode obterse máis información sobre a función e a compañía en www.visoesuteis.pt e www.fiot.org.

Compartir: