OS DÍAS 30 E 31 DE OUTUBRO
A terceira edición do Feirón de Outono acolle unhas Xornadas Gastronómicas da Faba
Venres 15 de outubro do 2010
O Feirón de Outono 2010, organizado polo Concello de Carballo en colaboración con diversos sectores empresariais da zona, ten entre os seus obxectivos, ao igual que anteriores anos, promover o consumo dos produtos gastronómicos de tempada, así como o sistema de venda do mercado tradicional e a dieta atlántica, dentro do programa Merca-do Bo. Neste sentido o Feirón de Outono tamén acolle o 31 de outubro a celebración do III Concurso de Produtos do Agro, coa finalidade de promocionar os produtos de tempada e apostar polo seu consumo e pola súa produción e elaboración tradicional. Poderán participar no concurso os agricultores e produtores locais sen límite de idade, aínda que os produtos presentados deberán ser elaborados ou producidos no termo municipal de Carballo. O prazo de inscrición remata o sábado 30 de outubro ás 14.00 horas e as categorías son 'Produto máis chamativo'(cunha forma, tamaño, peso, volume ou cor fóra do habitual), 'Mellor cesta de produtos hortofrutícolas' e 'Mellor cesta de produtos elaborados'. Repartiranse un total de 300 euros en premios. Os produtos participantes no concurso estarán expostos na carpa do Concello ao longo da mañá do Feirón ata as 14.00 horas, cando terá lugar o fallo do xurado e a entrega dos galardóns.
Hai que lembrar que o Feirón de Outono enmárcase dentro da iniciativa dos Feiróns de Tempada, que comezaron a celebrarse no verán de 2008 co obxecto de potenciar os mercados de cada quinto domingo de mes, apostando polos catro feiróns que se celebran ao longo do ano. Cada cita ten as súas propias peculiaridades e está acompañada do se propio programa de actividades. Os feiróns son unha singularidade do mercado tradicional carballés e, aínda que a súa distribución varía segundo o ano, repártense cunha periodicidade trimestral, o que permite unha programación estacional e, xa que logo, a posta en valor dos mellores produtos de tempada. Nos Feiróns de Tempada sempre está presente a oferta de 'Merca-do bo', unha iniciativa na que se potencian os hábitos de vida saudable, favorecendo o consumo de produtos frescos e da terra, relacionando o mercado tradicional e a dieta atlántica para acadar unha alimentación sa. Téntase, así mesmo, favorecer a interacción do comerciante co cliente como un elemento activo na consecución deste obxectivo.
Os interesados e interesadas poden descargar nesta mesma nova, as Bases para participar tanto nas primeiras Xornadas Gastronómicas da Faba, como no III Concurso de Produtos do Agro, así como os impresos de solicitude.