Inicio Carballo ao día Hemeroteca Representantes de 40 concellos da Coruña...

MÉRCORES 20 DE OUTUBRO NO PAZO DA CULTURA

Representantes de 40 concellos da Coruña reúnense en Carballo para promocionar o galego

Martes 19 de outubro do 2010

A partir das 10.30 horas os alcaldes de Ponteceso, Malpica de Bergantiños e Zas, o popular José Luís Fondo Aguiar, o socialista José Ramón Varela Rey e o nacionalista Manuel Muíño Espasandín, debaterán sobre a normalización lingüística no ámbito comarcal. Este debate estará conducido e moderado pola xornalista Comba Campoy. A continuación, ás 12.30 e logo dunha pausa, técnicos/as de normalización lingüística dos concellos de Bergantiños e Soneira presentarán actividades que desenvolverán conxuntamente nos próximos meses para a promoción do galego nos concellos de Carballo, Cabana de Bergantiños, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas. Para rematar a mañá, ás 13.15 h, desenvolverase unha mesa de traballo sobre a procura da implicación no proceso de normalización lingüística de empresas e asociacións desde os concellos. Nesta participarán Pepe Blanco Alborés, que falará sobre a experiencia de implicación de asociacións no Concello de Zas; Luís Bará Torres, que falará sobre a xestación da Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) no Concello de Pontevedra; e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, que falará sobre "Abertos ao galego", un proxecto de promoción de empresas que traballan en galego.

Xa pola tarde, ás 16.30 horas, terá lugar un encontro sobre o papel das administracións locais no ámbito do ensino e as posibilidades de colaboración e intervención. Este encontro estará guiado polas profesoras Luísa V. Segade, do IES Agra de Leborís, da Laracha, e Mercedes Queixas, do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, ambas pertencentes á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. A xornada rematará cun resumo e conclusións ben especiais e retranqueiras, feitas a modo de disputa regueifeira humorística por Luís O'Caruncho e Bieito Lobariñas. Os obxectivos deste encontro de política lingüística desde os concellos da Coruña son pór en contacto os/as distintos/as responsábeis políticos/as e técnicos/as das administracións locais para compartir experiencias e analizar posibilidades de accións en materia de normalización lingüística; debater e analizar a responsabilidade, as necesidades e as posibilidades das administracións locais en normalización social do uso do galego; dar a coñecer propostas de acción e coordinación para a promoción social da lingua galega e deseñar conxuntamente liñas xerais de colaboración e pautas de coordinación e creación de rede entre as distintas administracións. Os interesados e interesadas en consultar o programa de actividades ao completo, poden facelo nesta mesma nova descargando os horarios en pdf.

Compartir: