Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle por primeira vez a mesa redonda...

XOVES 21 DE OUTUBRO AS 19.30 HORAS NO PAZO DA CULTURA

Carballo acolle por primeira vez a mesa redonda de APEM para conmemorar o Día Mundial da Saúde Mental

Luns 18 de outubro do 2010

Na presentación da actividade estiveron presentes Isabel Varela, psicóloga do Centro de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de APEM en Carballo; Esther Monterroso, Directora de APEM; o Concelleiro de Sanidade, Marcos Trigo; o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; e o propio Juan Carlos Díaz del Valle, que exercerá de moderador nas dúas mesas. Na primeira delas, ademais de Isabel Varela, tamén estará Manuel Serrano, como representante do servizo de Psiquiatría do CHUAC; un técnico de Servizos Sociais do Concello de Carballo; e Marta Añón Ceán como representante das familias afectadas do Centro de Carballo. Na segunda mesa, máis orientada ao papel das administracións e os recursos que existen para combater as enfermidades mentais severas, repite Manuel Serrano e tamén estarán o Presidente de APEM, Luis Muruzabal Arlegui; o Deputado Provincial responsable da área de Benestar Social, Xoán Sande Muñiz; e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero. Entre os obxectivos dos participantes está denunciar o abandono en que están moitas veces os enfermos mentais, que se converten en responsabilidade das súas familias case en exclusiva, e tamén transmitir unha mensaxe positiva e esperanzadora acerca das posibilidades de recuperación.

Esther Monterroso, directora de APEM quixo agradecer a colaboración do Concello na organización desta actividade. APEM iniciou a súa andaina na área coruñesa en 1980, centrándose na rehabilitación de enfermos e tamén con dispositivos de apoio complementarios para pacientes e familiares. Chega a Carballo no ano 2001, sendo este o primeiro Centro APEM da zona, na que había "moitísima demanda", segundo explica Monterroso. O centro atende entre 70 e 80 pacientes e as súas familias entre as prazas de atención continuada e a organización de programas de apoio. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo poñerse a disposición de APEM para calquera actividade que queiran desenvolver no futuro e desexou que o lema "Carballo Concello Solidario" se transforme nunha realidade, contribuíndo a "eliminar determinados estigmas" e a "integrar a todas as persoas". A xornada, ademais de a enfermos e familiares, está aberta ao público en xeral e celébrase o xoves 21 de outubro ás 19.30 horas no Auditorio do Pazo da Cultura.

Compartir: