ESTREA DE PT EXCÉNTRICAS O VENRES 15 ÁS 21.00 HORAS
Quico Cadaval define 'Un cranio furado', primeira coprodución do FIOT, como "unha novela policíaca de aldea"
Luns 11 de outubro do 2010
O propio Quico Cadaval conta o argumento do espectáculo: "na terra dos camposantos, que é finita, hai que facer sitio". Así, en Irlanda, aos sete anos do seu enterramento os restos mortais das persoas son retirados, xeralmente a un osario, para facer espazo para novos corpos, "nunha relación coa morte que na nosa cultura era completamente normal". A acción comeza precisamente cando "ao protagonista da obra tócalle sacar os restos da súa muller e toda a aldea quere saber a natureza do burato dese cranio", xa que existen moitas dúbidas acerca do falecemento da súa dona. A partir de aí comezan as doses de humor negro acompañadas do enxeño dun autor "moi orixinal", segundo Cadaval, que conecta culturas como a do rock'n'roll e o cine coa cultura senlleira irlandesa, aínda que "é Connemara pero podía ser Bergantiños". Dorotea Bárcena descrebe o seu personaxe como "moi antropolóxico e recoñecible", no que recolle elementos da súa avoa "do Ourense profundo" e considera que Martin McDonagh "é un autor marabilloso" que constrúe unha obra "que pode resultar moi interesante para o público".
O malpicán Santi Romay quixo subliñar o privilexio que supón para el traballar cun elenco tan prestixioso "que foron un apoio para min e una escola". Non quere esquecerse o que para el supón "xogar na casa" ao estrear nun pobo a carón do seu e desexou que sexa un éxito, ao igual que todo o Festival. O presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, mencionou o feito de que "a traslación do texto irlandés a Bergantiños era moi fácil", ademais de poder contar cunha compañía tan vinculada ao FIOT. Pola súa banda, o Alcalde, Evencio Ferrero, quixo salientar a importancia de que nesta produción estean tres Xograres de Outono, distinción coa que o FIOT escolle aos mellores 'teatreiros' da escea galega, como son Dorotea Bárcena, Vítor Mosqueira e Quico Cadaval. Así mesmo, subliñou que "como carballeses estamos encantadísimos de que este proxecto bote a andar" e rematou dicindo que "precisamos que todos os que están comprometidos co teatro axuden a facer cultura e a facer país". Na presentación tamén estivo a Concelleira de Cultura de Carballo, Belén Lendoiro, e houbo que lamentar a ausencia de Evaristo Calvo e Vítor Mosqueira, que tiñan compromisos co seu dúo Mofa e Befa. Ademais, a produción conta co premiado Baltasar Patiño no deseño de luz; co tamén premiado Piti Sanz na música e deseño de son; coa escenografía e atrezzo de Kukas; coa tradución de Avelino González; e con Marcos Orsi como axudante de dirección.