ESTARÁ ATÉ O 31 DE OUTUBRO NO PAZO DA CULTURA
Terra de Homes achega a Carballo unha exposición que denuncia o tráfico de nenos e nenas en todo o mundo
Venres 8 de outubro do 2010
Na inauguración da exposición, na que estiveron o Concelleiro de Sanidade, Deporte e Xuventude, Marcos Trigo, e o delegado en Galicia de Terra de Homes, Raúl Besada subliña dous dos factores que favorecen o tráfico, como é o feito de que en continentes como África o 45 por cento da poboación teña menos de 15 anos; e a extrema pobreza en que viven moitas das familias, que as obriga en ocasións a resignarse ante a explotación dos seus fillos e fillas. A organización iniciou en 2003 unha campaña especial de sensibilización para loitar contra o tráfico e calcula que nestes momentos existen en todo o mundo aproximadamente 1.200.000 nenos e nenas nesta situación. Para loitar contra esta eiva global, Terra de Homes traballa en 30 países en todo o mundo no propio lugar onde se produce a explotación para rescatar aos afectados e incluso facilitar a súa adopción nalgúns casos, esixindo, ademais, a implantación de leis internacionais que penen este tipo de actividade. Así mesmo realizan campañas de concienciación para mobilizar aos distintos sectores da sociedade para que actúen e axuden a erradicar o tráfico de nenos e nenas.
O Concello de Carballo e a asociación sen ánimo de lucro Terra de Homes xa teñen colaborado anteriormente trala sinatura en novembro de 2009 dun convenio de colaboración para desenvolver no municipio o proxecto 'Viaxe cara a vida', un programa de asistencia médica para nenos e nenas que padecen patoloxías que non poden ser tratadas nos seus países de orixe, especialmente de África. Os menores viaxan ata Galicia para poder ser atendidos no Hospital Materno Infantil, e durante a súa estadía viven non só no centro sanitario, senón nunha familia de acollida ata a súa completa recuperación. O Concello, ademais dunha achega económica, favoreceu a implantación do proxecto coa celebración de varios actos de sensibilización. Agora prodúcese unha nova colaboración co obxecto de contribuír á toma de conciencia da opinión pública e das institucións sobre o tráfico de nenos, convertendo este obxectivo nunha prioridade. As 24 fotografías que permanecen no Pazo da Cultura falan por sí mesmas dos motivos para loitar contra esta calamidade mundial. Os interesados e interesadas en obter máis información sobre a campaña, os proxectos de Terra de Homes ou sobre cómo contactar con eles, poden consultar a páxina web da entidade nesta mesma nova.