Inicio Carballo ao día Hemeroteca A XII Rúa dos Contos remata con regueifas,...

Á VENDA AS ENTRADAS E OS MINIBONOS PARA O FIOT 2010

A XII Rúa dos Contos remata con regueifas, "xograres", unha apocalipse e monólogos de calidade

Sábado 9 de outubro do 2010

O luns os conteiros seguen coa marcha, neste caso con tres citas. A primeira delas é ás 22.00 horas na Cervexería Dublín, na que o coñecido Carlos Blanco, un dos actores pioneiros dos monólogos en Galicia, regresa á rúa dos contos. Os espectadores poderán desfrutar dun referente da escena galega grazas ás historias e contos sobre a vida, a morte, a sociedade,... pero todo coa ironía propia deste actor e showman galego. O prezo da entrada é de 3 euros. A seguinte actuación é de balde. Ás 23.30 horas, a Cafetería Baños Vellos conta con Celso Fernández, un dos mellores monologuistas galegos na actualidade. As súas historias están baseadas na experiencia de oír e charlar con persoas de máis idade, polo que utiliza a palabra como un instrumento fundamental para transmitir humor, risa, ironía, etc. O Pub Silfo pecha de novo a noite, á 1.00, neste caso cun espectáculo que custa 3 euros. O actor Isi, que se deu a coñecer ao público no programa O Rei da Comedia da TVG, presentará un espectáculo divertido e cheo de moito humor do país. Un remate de calidade para a edición con máis actuacións e máis concentrada da Rúa dos Contos.

Así mesmo, e dentro do marco do FIOT 2010, hai que lembrar que dende o venres 8 de outubro xa están á venda os minobonos para os espectáculos de sala e comeza a reserva telefónica e a venda de entradas soltas. En canto aos minibonos, hai dúas modalidades: MINIBONO A: para os días 16, 22, e 23 de outubro: 12 €; MINIBONO B: para os días 29, 30, 31 de outubro e 1 de novembro: 27 €. En canto á venda e reserva de entradas únicas, poderá realizarse nas oficinas do Pazo da Cultura. A reserva de entradas manterase ata as 19.30 horas do mesmo día da función. A partir dese momento poñeranse á venda. Os prezos para as entradas soltas dos espectáculos de sala son os seguintes. Todos os espectáculos de sala 5 €: ‘Un cranio furado’ (día 16), ‘La función por hacer’, ‘Volpone’, ‘Los cazadores de Thè’ e ‘Tercer cuerpo’. As excepcións son ‘Ricardo III’ (31 outubro): 8 €; e ‘Karaoke’ (1 de novembro): 12 €. O novo ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) non está incluído nos prezos dos bonos e mini bonos, aínda que os abonados recibirán un desconto dun 50 por cento da entrada en cada unha das representacións. O importe íntegro é de 3 € para ‘Adúlteros desorientados’ e ‘M3’, e de 4 € para ‘Los corderos’.

O horario das oficinas do Pazo da Cultura para a venda de entradas, bonos é minibonos é o seguinte: Do 5 ao 15 de outubro: todos os días mañá e tarde. De 12.00 a 14.00 horas e de 18.30 a 20.00 horas (excepto os días 9, 10 e 12 de outubro); A partir do 18 de outubro: todos os días de mañá e os mércores e os xoves pola tarde. De 12.00 a 14.00 horas e de 18.30 a 20.00 horas. Os días de representación no despacho de billetes de 19.00 a 20.30 horas. Os interesados e interesadas en obter máis información poden facelo nas oficinas do Pazo da Cultura, na Rúa do Pan s/n de Carballo, ou no teléfono 981 704 300, así como na páxina web do FIOT: <www.fiot.org>. O FIOT tamén está en Facebook: FIOT Festivaloutonoteatrocarballo.

Compartir: