EN COLABORACIÓN COA DEPUTACIÓN E ALCER CORUÑA
O Concello participa no programa 'Bule con Alcer' para promover a actividade física e social en enfermos crónicos
Venres 8 de outubro do 2010
A importancia do exercicio en persoas con enfermidades crónicas é considerado, no enfermo crónico, parte do tratamento estándar do que é a prevención. Ademais de reducir o risco cardiovascular, o exercicio físico regular inflúe de forma positiva na fortaleza muscular e na capacidade física global do enfermo crónico. Así mesmo, o exercicio físico proporciona un mellor funcionamento psicosocial, polo que pode considerarse como un complemento terapéutico de carácter psicolóxico. O exercicio supón, pois, unha aproximación integral a unha mellor calidade de vida. A actividade desenvolverase a través de grupos de traballo de quince a vinte participantes, para optimizar os beneficios. Ademais de en Carballo, o programa 'Bule con Alcer', levarase a cabo nos concellos da Coruña, Ferrol, Melide e Boiro e a Deputación da Coruña destina 40.000 euros ao financiamento desta actividade. Segundo explica Xoán Manoel Sande, responsable da área de Benestar Social da Deputación (na imaxe durante a presentación do programa), un centenar de persoas con enfermidades crónicas como diabete, enfermidade de Crohn, lupus ou fibromialxia, participarán neste programa en toda a provincia.
En canto á natureza concreta das actividades, os responsables de 'Bule con Alcer' subliñan que haberá actividades físicas en terra (pilates, ioga, stretching ou ritmo) e acuáticas; todas elas en grupo, pero con programación individualizada e adaptada ás patoloxías crónicas das persoas participantes para minimizar os riscos para a súa saúde". Os datos de avaliación de edicións anteriores do programa mostran que os participantes experimentaron unha melloría da forza, o equilibrio, e a actividade cardiorrespiratoria, ademais dunha mellora do humor e da satisfacción persoal. A Asociación de Loita Contra as Enfermidades de Ril (ALCER) é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1976 que xorde co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos enfermos renais, especialmente nunha época na que o acceso ao tratamento da diálise estaba limitado a un número moi reducido de pacientes e os transplantes de ril eran moi escasos. Pouco a pouco a entidade foise estendendo ás distintas provincias españolas, creándose numerosas delegacións, incluída da coruñesa, tamén en 1976, ademais de ampliarse o ámbito de traballo a outras enfermidades crónicas.