XUNTA DE GOBERNO LOCAL
Aprobado o expediente para a contratación dos traballos da futura escola infantil municipal
Luns 11 de outubro do 2010
Segundo se recolle no proxecto, o novo edificio distribuirase en dúas zonas principais: unha zona infantil composta por aulas e un espazo central de xogo e multiusos, na que se busca o contacto co terreo exterior para os xogos; e unha zona de adultos, que inclúe o espazo para o profesorado, un cuarto de servizo e outras instalacións. A futura escola infantil terá dúas unidades para aulas de nenos e nenas de 1 a 2 anos e tres unidades para nenos e nenas de 2 a 3 anos. Cada unha das aulas contará co seu propio aseo e conexións, tanto co espazo central de xogo, como co espazo exterior, onde se construirá unha aula ao aire libre. Tamén está previsto que o edificio dispoña de dúas aulas destinadas a nenos e nenas menores dun ano nas que haberá unha zona separada para berces. A edificación terá o seu propio aparcadoiro privado e un acceso individual para mercadorías. No apartado de expedientes de contratación, a Xunta de Goberno tamén supuxo o visto e prace ao contrato de 'Subministro e instalación de 130 anclaxes de contedores do lixo na zona costeira do Concello de Carballo' por 28.839,20 euros.
Así mesmo, a Xunta de Goberno sacou adiante unha modificación do Convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Carballo para o sostemento dun Grupo Municipal de Intervención Rápida (Grumir). O cambio afecta á cláusula decimoterceira que se refire á vixencia do convenio ou prórroga, na que se especifica que o acordo ten efectos dende o 1 de xaneiro de 2010 e até o 30 de xuño de 2011. No apartado de subvencións, solicítase unha á Consellería de Traballo e Benestar para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local en base á orde do 7 de setembro de 2010. Por último, a sesión ordinaria da Xunta de Goberno supuxo a concesión de tres novos vaos permanentes, de seis licenzas de obra, de dous proxectos de execución para dúas vivendas unifamiliares, de dúas licenzas de obra e apertura e de tres licenzas de apertura, incluíndo unha para unha nave industrial destinada á fabricación, comercialización e exposición de artigos de madeira no Polígono Industrial de Bértoa.