ENTRE O VENRES 8 E O LUNS 11 DE OUTUBRO
A XII Rúa dos Contos levanta o pano do FIOT con 15 actuacións en 14 locais hostaleiros do centro carballés
Xoves 7 de outubro do 2010
Nesta edición, unha das novidades é a incorporación de tres novos locais ao espectáculo: a Cervexería Dublín, os Baños Vellos e a Casa da Xuventude. Neste último caso, súmase dun espazo diferente que se agrega coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude e que está situado nunha das rúas, a Valle Inclán, que se ten convertido nun dos referentes da Rúa dos Contos. Grazas á presenza deste novo espazo, o inicio da Rúa dos Contos pode acoller a actuación de "A filla de Woody Allen", da Cía Santiago Cortegoso, o venres 8 ás 21.00 horas. Trátase dun espectáculo que vén de estar dúas semanas representándose en Madrid e que cambia a capital por Carballo para participar na Rúa dos Contos e nas súas risas e sorpresas. É só a primeira aposta dunha Rúa na que estarán nomes, ademais do de Carlos Blanco e Isi, como o de Cándido Pazó, Marta Lado, Danny Boi-Rivera, Suso Cortegoso, Celso Fernández ou os Regueifeiros de Xornes, entre outros. Así mesmo, a Rúa dos Contos conta este ano cun anfitrión, Joaquín Soplapuertas, que o sábado 9 e o domingo 10 guiará aos "rueiros" polos distintos locais durante os espectáculos para que aproveiten unhas noites de risas, tascas e humor que cada ano conquistan a máis seguidores.
Por outro lado, hai que lembrar que xa están á venda os bonos para os espectáculos de sala, dos que xa se levan despachado máis do 50 por cento dos 160 dispoñibles. Poden obterse nas oficinas do Pazo da Cultura a partires do martes 5 de outubro -a excepción dos días 9, 10 e 12 de outubro-. O seu prezo é de 37 euros, agás no caso dos descontos aplicables para maiores de 65 anos, pensionistas e estudantes que acrediten a súa condición, ademais de para o alumnado dos IES de Carballo que adquiran o bono no seu instituto, en que o prezo é de 32 euros. Hai que subliñar que os bonos non se poden reservar por teléfono. Ademais, estarán dispoñibles mini bonos para o público, como cada ano, que estarán á venda a partires do 8 de outubro tamén nas oficinas do Pazo da Cultura e así mesmo sen posibilidade de reserva telefónica. As entradas soltas tamén poden adquirirse ou reservarse por teléfono a partir do venres 8 de outubro. Os prezos son os seguintes: todos os espectáculos de sala 5 €: ‘Un cranio furado’ (día 16), ‘La función por hacer’, ‘Volpone’, ‘Los cazadores de Thè’ e ‘Tercer cuerpo’. As excepcións son ‘Ricardo III’ (31 outubro): 8 €; e ‘Karaoke’ (1 de novembro): 12 €. O novo ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado) non está incluído nos prezos dos bonos e mini bonos, aínda que os abonados recibirán un desconto dun 50 por cento da entrada en cada unha das representacións. O importe íntegro é de 3 € para ‘Adúlteros desorientados’ e ‘M3’, e de 4 € para ‘Los corderos’.