Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo actualiza o Xeoportal para facilitar aos...

CRÉASE UNHA IDE LOCAL, SISTEMA PIONEIRO NOS CONCELLOS GALEGOS

Carballo actualiza o Xeoportal para facilitar aos cidadáns a solicitude e xestión de servizos a través da páxina web

Xoves 7 de outubro do 2010

Hai catro anos o Concello de Carballo principiou a súa andaina cara a implantación da administración dixital e hai dous púxose en marcha o Xeoportal, que ofrece información de interese xeoreferenciada no mapa do municipio. Agora amplíase ese servizo para redundar tanto no beneficio dos veciños e veciñas como no traballo dos técnicos municipais. O sistema xestiona todos os elementos localizados na vía pública do municipio e recollidos no Inventario de Bens, tanto no casco urbano coma nas parroquias e nos núcleos rurais, e permite tramitar as peticións online a través dun formulario que chega directamente ao departamento axeitado. Por exemplo, se un veciño quere solicitar a implantación dun semáforo e un paso de peóns na súa rúa, pode entrar no sistema, localizar no mapa o punto exacto onde considera que debería ir situado o novo servizo e remitir directamente a petición ao Concello, que a tramitaría a través da Concellaría de Tráfico onde se consideraría a pertinencia desa solicitude. Prodúcese así unha mellora substancial do servizo para o cidadán, que poderá contar con esta ferramenta nunhas semanas, cando os traballadores do Concello actualicen e depuren a base de datos para poder ofrecer a maior exactitude posible nas xestións. Os propios traballadores aproveitaranse das ventaxas de poder coñecer a cada momento a situación dos elementos das vías públicas.

Infraestrutura de Datos Espaciais (IDE)


O traballo de T-Systems, ademais, supón a implantación dun sistema novidoso, pioneiro en Galicia porque moi poucos concellos contan con el, como é unha IDE (Infraestrutura de Datos Espaciais) local. Mediante esta aplicación toda a información coa que conta o Concello dos seus servizos ponse a disposición dos cidadáns e das empresas que traballen coa administración local de xeito gratuíto para que o incorporen aos seus propios sistemas e empreguen eses datos en tempo real. Así, unha empresa eléctrica podería saber en cada momento o número de focos fundidos do municipio e onde están para poder arranxalos con maior celeridade. A IDE, ao igual que o renovado Xeoportal, foron presentados en rolda de prensa polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; os Concelleiros de Obras e Promoción Económica, Luis Lamas e Xosé Manuel García Guillín; e o técnico de T-Systems Jesús del Val. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo subliñar o novo paso que o Concello da con este sistema cara a implantación das novas tecnoloxías, incluíndo o funcionamento dende hai tempo do portal Carballo PortaAberta para xestionar o pago de tributos ou trámites como o cambio de padrón. Así mesmo, destaca que Carballo é un dos poucos concellos que disporá en breve dunha ferramenta "con posibilidades case ilimitadas" e que fai que o municipio estea na primeira liña das novas tecnoloxías.

Compartir: