30 EVENTOS TEATRAIS ENTRE O 8 DE OUTUBRO E O 1 DE NOVEMBRO
O FIOT 2010 aposta pola calidade escénica, os proxectos comprometidos e o teatro pouco convencional
Sábado 2 de outubro do 2010
No que respecta á programación polo miúdo, os espectáculos de sala, que terán todos lugar no auditorio do Pazo da Cultura, arrincan o 15 e 16 de outubro coa estrea mundial e coprodución do FIOT 'Un cranio furado', coa compañía Mofa e Befa. Aglutina a tres Xograres de Outono, o título co que o FIOT distingue ás figuras máis relevantes da escea, e a un dos actores máis importantes de Bergantiños. Unha posta que "fai que medremos un pouco máis como festival" e que "nos sitúa nun grupo de festivais moi reducido" que aposta pola produción, segundo explica Alberto Sueiro. 'La función por hacer' de Kamikaze Producciónes, chega o venres seguinte, unha función sorprendente que comezou a súa andaina no hall do madrileño Teatro Lara. O sábado 23 os ceenses Talía Teatro propoñen 'Volpone', unha versión do clásico de Ben Jonson. O venres 29 chega unha estrea en Galicia cun dos mellores clown españois, Hernán Gené, con 'Los cazadores de Thè'; e o sábado 30 chega desde Arxentina Timbre4 con 'Tercer cuerpo, de Claudio Tolcachir, un dos representantes arxentinos máis importantes a nivel mundial xunto con Daniel Veronese, tamén presente no FIOT a través do OTNI. O domingo 31 o FIOT ten unha cita cos clásicos e o Ricardo III de Atalaya Teatro, a primeira vez que un Premio Nacional de Teatro abandona o circuíto das grandes cidades e que conta co mellor creador escénico de España. E pecha o teatro de sala o Premio do Público 2009, a compañía madrileña Pentación Espectáculos, que chega co Karaoke de Juanjo Artero, Neus Asensi, Elisa Matilla e Ángel Pardo.
Rúa dos Contos e OTNI
A Rúa dos Contos mantén a súa vocación de ser un festival con entidade propia dentro do FIOT. Segundo explica Antón Guitoi, secretario da Asociación Cultural Telón e Aparte, esta cita segue a medrar coa incorporación este ano de 3 locais máis e cunha duración de catro noites e 15 espectáculos, entre o 8 e o 11 de outubro nos locais hostaleiros da capital carballesa. Para Guitoi a Rúa dos Contos "é a mellor oferta cómica que hai hoxe en Galicia a nivel de contadores de historias". Arrinca con 'A filla de Woody Allen' o venres 8 de outubro ás 21.00 horas na Casa da Xuventude, un espectáculo que vén de estar representándose en Madrid durante 15 días e que agora serve para a posta de largo de catro "noites de risa e sempre con sorpresas". Homes orquestras, conta contos, monologuistas, regueifeiros ou música con dous dos nomes máis recoñecidos nos monologuistas galegos como son Cándido Pazó e Carlos Blanco. As propostas alternativas do OTNI serán en distintos espazos do Pazo da Cultura entre o domingo 17 e o venres 29 de outubro cos portugueses Visões Ùteis e 'Adúlteros desorientados'; os granadinos Histrión Teatros e 'Los corderos', un dos espectáculos máis interesantes desta tempada; e os madrileños Mr. Kubic -tamén presentes en 'Los cazadores de Thè'- con 'M3-Metro Cúbico'.
Entre as actividades paralelas destaca a exposición 'Un mundo de títeres', da compañía de Teatro Viravolta Títeres, unha das compañías de monicreques máis importantes de Galicia que leva 28 anos enriba dos escenarios e coa posta en escena de máis de 30 pezas teatrais deste tipo. Sumarase a animación teatral de rúa os días 9, 10 e 23 e 24 de outubro, nos que a Praza do Concello, as rúas Coruña e Hórreo ou o Centro Comercial Haley acollerán diversos espectáculos de risas e humor. Non se pode esquecer o Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, que ten xa dez anos de vida e que fomenta o teatro entre os máis cativos e cativas, favorecendo a súa iniciación no teatro e a interpretación dramática. Por último, non hai que esquecer o obradoiro de narración oral 'E ti que contas?', a segunda edición deste breve curso que aborda os distintas métodos e estilos da arte escénica oral: contos, historias, monólogo cómico. Será impartido polo director, dramaturgo, monologuista e conteiro Cándido Pazó, tamén presente na Rúa dos Contos.
A partires do martes 5 de outubro estarán á venda os bonos para asistir a todas as representacións de sala por un prezo de 37 euros, mentres que a reserva de entradas e a venda de mino bonos será a partires do 8 de outubro. Os horarios son os seguintes: do 5 ao 15 de outubro: todos os días mañá e tarde. De 12.00 a 14.00 h e de 18.30 a 20.00 h. (excepto os días 9, 10 e 12 de outubro); a partir do 18 de outubro: todos os días de mañá e os mércores e os xoves. De 12.00 a 14.00 h e de 18.30 a 20.00 h. Os días de representación no despacho de billetes do Pazo da Cultura de 19.00 a 20.30 h. Os interesados e interesadas poden consultar o programa do FIOT ao completo en pdf nesta mesma nova.