Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinado un convenio de colaboración entre...

PATRIMONIO ASUMIRÁ OS TRABALLOS

Asinado un convenio de colaboración entre Carballo e Coristanco para a limpeza e mantemento de Ponte Lubiáns

Venres 1 de outubro do 2010

O acordo, ademais, explica literalmente que as obras de limpeza da Ponte Lubiáns van evitar que continúe deteriorándose este ben, polo tanto impedirán que se produza unha perda irrecuperable para o patrimonio cultural galego por tratarse dun ben incluído no inventario xeral do patrimonio cultural da Xunta de Galicia. A Consellería de Cultura e Turismo comprométese a financiar e contratar as actuacións necesarias para a execución das obras de limpeza, con cargo aos seus orzamentos. Pola súa banda, os concellos de Carballo e Coristanco comprométense a autorizar a plena e libre dispoñibilidade dos terreos a favor da Consellería de Cultura e Turismo para que esta poida e acometer a execución das actuacións obxecto do presente convenio a través da Dirección Xeral de Patrimonio. Así mesmo, serán os responsables de tramitar a preceptiva licenza e soportar os costos por ela xerados. Na Ponte Lubiáns aínda se pode observar a calzada de lousas, de 2,60 metros de ancho. Esta ponte que contaba con cinco arcos, na actualidade tan só ten catro e todos eles asimétricos.

É unha das pontes máis estreitas de Galicia e atravesa o río Rosende, afluente do Anllóns, facendo de nexo de unión entre Carballo e Coristanco. Por ela cruzaba unha calzada romana coñecida coma 'Per loca maritima', que partía da Coruña ata Fisterra. Hai que lembrar que este convenio de colaboracion xorde da visita realizada polo Director Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Xosé Manuel Rey Pichel, o pasado mes de xullo, na que examinou de primeira man algúns dos puntos máis emblemáticos do municipio, como son a Ponte Lubiás, o carballo e o Pazo de Vilardefrancos e o Dolmen de Pedra Moura, que formará parte do Parque do Megalistismo. Ademais de comprometerse coa limpeza de Ponte Lubiáns,ante a preocupación do Goberno local pola posible degradación dos castros do municipio, Rey Pichel afirmou que o seu departamento estudará posibles actuacións en castros carballeses como o de Ouxas, en Entrecruces. Pola súa banda, o Concello ten previsto enviar propostas a Patrimonio que inclúan a limpeza, a recuperación a e a posta en valor da cultura castrexa no municipio, que conta cun total de 19 poboamentos.

Compartir: